Luns 26 de Febreiro de 2018

A Casa da Cultura “Santeiros de Chave” acolle mañá venres a Audición Fin de Curso da Escola Municipal de Música de Lousame


A Banda da Escola Municipal de Música ofrecerá pola mañá o concerto didáctico “Dirijinkovsky” ao alumnado do CPI Cernadas de Castro

O auditorio da Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame acollerá mañá venres 23 de xuño a tradicional audición de fin de curso da Escola Municipal de Música de Lousame, que terá lugar a partir das 18:30 horas. Unha actividade de acceso libre e de balde.

Uns sesenta alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Lousame participarán no evento, no que están programadas unha ducia de actuacións. Comezarán os máis pequenos, da Aula de Música e Movemento, seguidos da aula de piano e os ensembles de frautas, clarinetes, saxofóns, trompas, trombóns, vento-metal e guitarras, e o combo de percusión.

Previamente, a Banda de Escola de Música Municipal de Lousame ofrecerá o concerto didáctico “Dirijinkosky”, un conto de Daniel Figueira Bello dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria do CPI Cernadas de Castro. Este concerto terá como fío argumental a representación da chegada a Lousame da gran Elizaveta Dirijinkosky, considerada unha das maiores directoras de banda de música do mundo. Os nenos e nenas da Banda da Escola de Música de Lousame farán unha representación musical e teatral do conto, cun obxectivo principal: achegar a música aos máis pequenos dun xeito divertido.