Sábado 20 de Outubro de 2018

O Concello de Fene destina cerca de 19.000 euros a un novo programa de rebacheos por todo o territorio


A empresa construtora Concifa S.L. está desenvolvendo durante estes días os traballos de reparación provisional de varias pistas do municipio, dentro do programa de rebacheos deseñado polo Concello de Fene. En total estanse repasando 18 estradas atendendo a criterios de urxencia e de equilibrio territorial. O obxectivo das actuacións é garantir a seguridade do tráfico á espera de desenvolver en cada zona proxectos de maior envergadura que, nalgúns casos, xa están proxectados e con orzamento comprometido.

As obras están chegando tanto á zona rural como ao casco urbano. Así, en Fene tapáronse buratos na unión da rúa Fontelonga co Sartego; en Perlío o proxecto abrangue traballos na rúa Mundín -desde Gerardo Díaz ao lavadoiro-, entre o cruzamento de Aguilar e a ponte do tren e desde a rúa Hortelá até a Casa Reitoral.

Fóra da zona urbana, en Barallobre repasouse o camiño dos Carballás e o das Chousas; en Maniños o camiño de Beiramar e a baixada ata a praia, ademais do camiño da Garita e o dos Casais desde a Armada ata a rúa do Forno.

Por outra banda, en Limodre, o proxecto das obras reflicte arranxar o camiño de Cornide, o de Rachabordos e o da Areosa detrás do restaurante O Cazador. Se falamos de Sillobre hai previstos amaños no camiño da Rabadeña, na zona da Pallota e, na Corveira subindo cara a Marraxón. Por último, o programa de rebacheos tamén inclúe o camiño que vai desde o local social de Magalofes ata as Picas e o que une Os Cadavás coa pista polideportiva.

O importe total dos traballos ascende a 18.992 euros e en practicamente todos os casos consisten na aplicación de material de recheo e a súa cobertura con grava e unha rega asfáltica de selado. “Son obras todas elas de grande urxencia en lugares que, nalgúns casos, levaban anos sen atender”, apunta Juventino Trigo.

O rexedor local insiste en que se trata de traballos cunha certa provisionalidade, á espera de levar adiante “proxectos de reparación integrais” que, tamén nalgún caso, xa teñen orzamento comprometido. Pon como caso a próxima construción da rede do saneamento na zona do Feal, en Magalofes, con cargo ao POS+: “entre este ano e principios do que vén vaise instalar unha nova rede de sumidoiros, por iso se fai neste momento un rebacheo provisional e despois, cando finalicen as obras do saneamento, si que se arranxará a pista en condicións”.