Luns 16 de Xullo de 2018

O PSOE de Trazo lamenta a carencia total de contido das sesións plenarias no municipio


Os socialistas consideran que o alcalde “está caduco, agotado e sen proxecto” e solicítanlle que “polo ben dos veciños se vaia para casa e deixe a outro concelleiro do seu grupo, que están máis capacitados”

O PSOE de Trazo lamenta a falta total de contido das sesións plenarias que se convocan cada tres meses no municipio. Proba disto foi a sesión na que a orde do día incluía tan só tres puntos: aprobación da acta da sesión anterior, dar conta dos Decretos da Alcaldías e rogos e preguntas. “E para colmo, o señor Dafonte nin sequera responde ás nosas preguntas”, lamenta a voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez.

A edil socialista considera que “unha vez máis, o señor Dafonte fai todo o posible para dificultar o noso traballo como oposición e pola veciñanza de Trazo. Por unha banda, baleira de contido os plenos, e iso que só temos un cada tres meses. E despois, os escritos que presentamos entre plenos non son tidos en consideración”. Unha situación que está levando a Trazo a unha situación de parálise case total: “como é posible que a 23 de xuño o alcalde diga que non sabe se se solicitou ou non a creación dunha brigada de incendios?”, pregúntase Domínguez Siaba.

Os socialistas de Trazo consideran que o alcalde “está caduco, agotado e sen proxecto nin capacidade de xestión”, polo que volveron a solicitarlle que “polo ben dos veciños se vaia para casa e deixe na Alcaldía a outro concelleiro do seu grupo político, que sabemos que están moito máis capacitados ca el”.