Xoves 18 de Outubro de 2018

A Consellería de Educación licita a obra de rehabilitación integral doCEIP Vales Vilamarín


O departamento educativo da Xunta de Galicia destina case 500.00 euros a esta obra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a licitación, da obra de rehabilitación integral (enerxética e funcional) do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 04, obxectivo específico 04.03.01; uns traballos aos que se destinan 497.930,39 €. O obxectivo da actuación é corrixir humidades, infiltracións de aire exterior e perdas técnicas, así como o mal funcionamento das persianas, conseguindo así un maior confort no centro educativo.

Para iso, está previsto aplicar un sistema de illamento térmico de envolvente continua polo exterior (SATE). Así mesmo, substituiranse as fiestras actuais por outras de aluminio de primeira calidade, con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade. Mudaranse tamén as actuais persianas, coas súas caixas e mecanismos de accionamento, por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con escuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico.

Por outra banda, renovaranse as luminarias e colocaranse outras de maior eficiencia enerxética e luminancia, incrementando ademais o seu número para conseguir uns niveis óptimos de iluminación nas zonas de traballo e lectura. Ademais substituiranse os actuais proxectores (halóxenos) en fachadas por proxectores led, cun consumo e rendemento moito mellores.

Finalmente acometeranse traballos de pintado e de instalación de paneis acústicos no teito e colocaranse elementos de identidade corporativa.