Domingo 21 de Xaneiro de 2018

Comezan as obras para completar o saneamento no núcleo de Lavandeira, en Cabanas, nas que a Xunta inviste 236.000 euros


Ademais da rede de colectores de augas fecais, proxéctase a instalación dunha depuradora de residuais, que garante un tratamento suficiente previo ao vertido

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o inicio das obras que permitirá dotar dos servizos de saneamento e depuración ao núcleo de Lavandeira, no concello de Cabanas. O alcalde, Germán Castrillón, acompañou a Rodeiro na súa visita a uns traballos que permite avanzar na dotación dos servizos básicos á veciñanza. A través dun convenio, a Xunta asume o financiamento das obras cun investimento de máis de 236.000 euros.

A intervención dotará do servizo de saneamento e depuración das augas residuais ás vivendas emprazadas en Lavandeira, que carecen del, así como ás situadas na marxe da estrada CP-1503, posibilitando así a futura conexión dos fogares dos núcleos de Porcar, Piñeiros, Ameneiros e Horta. Unha vez cubertas as necesidades nos núcleos urbanos, a Xunta comprometeuse co Concello a ir ampliando nestes próximos anos a rede de saneamento a aqueles ámbitos máis rurais do municipio, zonas que implican maior esforzo e inversión dada a dispersión da poboación. A actuación conta co apoio económico do Fondo europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Os colectores proxectados discorren por ambas marxes da estrada, cunha lonxitude total de 875 metros.

Este esforzo do Goberno galego súmase aos preto de 1,8 millóns de euros que o departamento autonómico xa ten investido en actuación hidráulicas en Cabanas desde 2009. En concreto, destináronse 1,58 millóns á dotación de abastecemento no polígono industrial de Vilar do Colo, e 200.000 euros para os lugares de Rego e Chao de Aldea. Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que este tipo de actuacións son unha mostra da firme aposta do Goberno galego a prol do abastecemento e saneamento, un compromiso que ten dado como resultado unha mellora da calidade das augas en toda Galicia.

O delegado territorial destacou “o compromiso da Xunta de Galicia cos concellos e co medio ambiente, pero tamén a aposta polo benestar da persoas e o equilibrio territorial”. Rodeiro engadiu que “a ampliación da rede de saneamento é unha das prioridades da Consellería de Medio Ambiente, que está a realizar un importan esforzo por estender a rede a aqueles lugares máis apartados dos grandes núcleos de poboación”.