Sábado 21 de Xullo de 2018

Catro monologuistas actuarán noutros tantos puntos da cidade de Riveira dentro do novo ciclo “Chanzas na rúa”


A acción celebrarase nos venres 30 de xuño e 7, 14 e 28 de xullo

O Concello de Riveira impulsa durante este verán a través do seu Departamento de Cultura unha nova programación consistente nun ciclo de monólogos que terá lugar dende o 30 de xuño ata o 28 de xullo e no que catro reputados cómicos amosarán o seu bo facer en distintos puntos neurálxicos da cidade de Santa Uxía.

A iniciativa, que leva o título de “Chanzas na rúa” foi presentada hoxe na Casa do Concello pola concelleira Herminia Pouso, que destacou que un dos seus propósitos estriba en contribuír a dinamizar a hostalería local.

O ciclo comezará este venres 30 de xuño coa actuación na praza de Vigo de Xan Veiga. Sete días despois, fará o propio Pedro Brandariz na praza de Porta do Sol, en tanto que o día 14 Tito Rober actuará no parque García Bayón. Na seguinte semana haberá un alto por mor da festa da Dorna para retomar os monólogos coa actuación de Padre Merino o día 28 no palco de pedra do Malecón. Todas as actuacións son ás 22 horas e a entrada e libre e gratuíta.

Herminia Pouso confiou en que a iniciativa obteña unha boa resposta e de ser así terá continuidade nos vindeiros veráns.