Xoves 19 de Xullo de 2018

Fene iza a bandeira multicor como xesto de apoio e visibilización dos dereitos das persoas LGTBQI


A bandeira do arco da vella, enseña da visibilización do colectivo de persoas gais, lesbianas, transexuais, bisexuais, intersexuais e queer, ondea desde hoxe mesmo na casa consistorial de Fene canda ás oficiais. O municipio expresa deste xeito o seu compromiso coa igualdade de dereitos e a normalización de calquera opción sexual. Un compromiso que tamén se pon de manifesto participando na campaña “Construíndo diversidade” impulsada pola Deputación da Coruña.

A responsable da área de Igualdade, Mª Carmen Martínez, lanzou esta mañá un convite para que se sumen á campaña “todos os veciños e veciñas, empresas, asociacións, clubes de portivos e calquera entidade comprometida co respecto á diversidade e coa igualdade de dereitos”.

Neste sentido, o departamento pon unha chea de material reivindicativo a disposición das persoas que queiran colaborar, como cartaces, chapas, bolsas e folletos informativos editados dentro da campaña “Construíndo diversidade”. Estes artigos poden recollerse no Centro Municipal de Servizos sociais de San Valentín en horario de 8:00h a 15:00 h.

Porén, desde a concellaría faise un chamamento ao activismo individual máis alá da campaña posta en marcha pola Deputación e 31 municipios da provincia: “animamos tamen a aquelas persoas que prefiran sumarse á campaña pola súa conta e botar man da súa imaxinación e creatividade, a utilizar os materiais que queiran, bandeiras, panos, cartaces, etc.”

Segundo Mª Carmen Martínez, o obxectivo é “encher Fene coas cores do arco da vella entre os días 26 e 28 de xuño, coincidindo este último co día do Orgullo LGTBQI”. Na mesma liña tamén se pronunciou a psicóloga municipal Eva Sayago -responsable do servizo de promoción da Igualdade- quen engadiu que o chamamento atende “á dignidade e o dereito de todas as persoas sobre as súas vidas, os seus corpos e, por suposto, tamén as súas sexualidades”.