Luns 18 de Xuño de 2018

Arrancan as obras de arranxo da rúa da Igrexa


Están incluídas dentro do Plan DTC 93 da Deputación. Substituiranse as lousas de pedra actuais por un novo pavimento de formigón

Ao longo das vindeiras semanas a céntrica rúa da Igrexa, na vila de Ordes, permanecerá cortada ao tráfico debido ás obras de mellora que se están a acometer. Unha intervención urbanística inclúe o cambio do firme actual construído con lousas de pedra por unha capa de formigón. Con esta medida preténdese resolver o problema da deterioración continua que presenta este punto duns 100 metros aproximadamente. Un problema en gran parte provocado pola circulación frecuente de auga dado o elevado grao de pendente que presenta toda a vía.

O departamento de Urbanismo pretende ter concluído o proceso de arranxo “antes de que dean comezo as festas de Nadal”, asegura o alcalde Manuel Regos. A presenza de establecementos comerciais no lugar aprema o seu arranxo ante as vindeiras festas “sen esquecer tamén que hai vivendas particulares, almacéns e baixos que se utilizan para diversas actividades”, manifesta Regos.

A dita obra está incluída no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña, no que se investirán un total de 250.000 euros no municipio para o arranxo e mellora doutros puntos do casco urbano, incluíndo sistemas luminosos.