Xoves 18 de Outubro de 2018

O Concello de Lousame investirá 4.000 € en bolsas de transporte para persoas que cursaran estudos universitarios ou de ciclo superior



As bolsas, que oscilarán entre os 150 e os 250 euros, poderán solicitarse no Rexistro Xeral do Concello antes do 17 de xullo

O Concello de Lousame convoca as axudas para transporte dirixidas a estudantes empadroados e con residencia efectiva en Lousame que cursaran estudos universitarios ou de ciclo superior en centros públicos de Galicia durante o curso 2016-2017. Unhas axudas ás que o Concello de Lousame destinará unha achega de 4.000 euros, de xeito que as bolsas oscilarán entre os 150 e os 250 euros.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lousame antes do vindeiro 17 de xullo. Os requisitos ineludibles para poder optar a estas axudas son estar empadroado/a e con residencia efectiva en Lousame cun mínimo dun ano de antigüidade, ter cursado estudos universitarios ou de ciclo superior nun centro público de Galicia no curso 2016-2017 e que a unidade familiar non supere a renda per cápita anual de 9.000 euros (referida á Renda do ano 2015). As rendas per cápita inferiores a 5.400 euros recibirán unha axuda de 250 euros e situadas entre 5.401 e 9.000 euros recibirán 150 euros.

Criterios de concesión

Para a concesión destas axudas, o Concello de Lousame ten establecidos uns criterios de valoración das solicitudes nos que prima a compoñente económica da unidade familiar, onde se favorece ás rendas máis baixas con ata 10 puntos. Tamén se valoran con ata 3 puntos a situación de desemprego do pai ou da nai (que se converten en 6 puntos no caso das familias monoparentais), 3 puntos as familias monoparentais ou que o solicitante teña a condición de orfo/a e recibirán 2 puntos as familias numerosas e aquelas solicitudes cun membro afectado por minusvalía física, psíquica ou sensorial.

Para presentar a solicitude, ademais de encher as correspondentes follas de inscrición, será preciso presentar fotocopia cotexada do DNI do estudante (e do seu representante, no caso de ser menor de idade), copia cotexada da matrícula do curso 2016-2017 (xunto con carta de pagamento ou certificado correspondente), certificado de convivencia da familia, fotocopia cotexada do Libro de Familia, declaración da Renda de 2015, certificación do importe anual de pensións do 2015 e certificación bancaria da conta corrente da persoa interesada para o ingreso da axuda.

Deberán presentar documentación complementaria aquelas solicitudes que aleguen cuestións como discapacidade (copia cotexada dalgún do certificado emitido polo órgano competente do grao de minusvalía cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%, resolución ou certificado da Seguridade Social da pensión da incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez; ou documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade), familia numerosa (copia cotexada do título de familia numerosa en vigor), desemprego (certificación do Servizo Público de Emprego) ou orfandade (xustificante que acredite a situación).