Sábado 20 de Outubro de 2018

Fene clausura este venres o seu programa de mocidade activa


A área de Servizos sociais e Igualdade de Fene clausurará este venres o programa Mocidade Activa, desenvolvida conxuntamente cos municipios de Mugardos e Neda co obxectivo de traballar na prevención de drogodependencias e condutas aditivas, ademais de servir de foro de reflexión sobre cuestións de interese para a xente nova. O evento de peche do programa terá lugar na Casa da Cultura entre as 18 e as 19.00h.

Nesta iniciativa participou rapazada de 3º e 4º da ESO dos tres municipios que, entre outras cuestións, abordou problemas actuais como o do acoso escolar ou o consumo de substancias aditivas. Os obradoiros leváronse a cabo co actividades grupais moi dinámicas nas que se mesturaba a experimentación, a libre expresión e a creatividade, empregando para iso medios de comunicación como a radio ou as plataformas dixitais. “Mesturando o vello co novo, sen esquecernos de lanzar temáticas que provocan aprendizaxes a través dos obradoiros”, tal e como explican desde a área de Servizos sociais.

Dúas das actividades máis destacadas foron as de “Vloggers intrépidos” -vídeodiarios a través da rede- e “Radio xove”, coa colaboración neste caso de Radio Fene. O programa estivo coordinado pola pedagoga municipal e técnica en prevención de drogodependencias Mª José Paz, apoiada na empresa de servizos socioeducativos e lúdicos La Guagua.

Tanto os proxectos realizados como o resultado final dos obradoiros exporanse na Casa da Cultura de Fene este venres a partir das 18.00h. Para ampliar información ao respecto pódese contactar co Centro Municipal de Servizos sociais, situado en San Valentín, chamando aos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607, ou remitindo un correo electrónico a servizos.sociais@fene.gal