Mércores 15 de Agosto de 2018

O Concello de Brión recupera en xullo as “Noites de cine”, con catro proxeccións polas parroquias de Ons, Brión, Bastavales e Viceso


O Concello de Brión recuperará durante este mes de xullo o programa “Noites de Cine”, unha actividade patrocinada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. Serán catro sesións de cine ao aire libre que terán lugar noutros tantos lugares do municipio e que achegarán á veciñanza brionesa unha selección do mellor cinema español feito nos últimos anos, con películas que tocan xéneros tan diferentes como a comedia, a intriga e o drama. Todas a proxeccións celebraranse ás 22:30 horas e a entrada é totalmente libre e de balde..

O ciclo comeza este luns 3 de xullo coa proxección no adro da igrexa parroquial de Ons do filme “Ocho apellidos catalanes” (2015), unha comedia de Emilio Martínez-Lázaro protagonizada por Dani Rovira, Clara Lago e Karra Elejalde. En caso de choiva, a proxección trasladarase ao local do Teleclube de Ons.

O martes 4 de xullo, o cine ao aire libre instalarase na Carballeira de Santa Minia en Brión para proxectar un dos éxitos recentes do cine feito en Galicia: “A esmorga” (2014) do director Ignacio Villar e adaptación da obra de Eduardo Blanco-Amor. Un filme non recomendado para menores de 16 anos que, en caso de choiva, proxectarase no Pavillón Polideportivo Municipal.

Outro filme con inspiración literaria é “A praia dos afogados” (2015), de Gerardo Herrero, que poderá verse no adro da igrexa de Bastavales o luns 10 de xullo. Un filme de intriga non recomendado para menores de 12 anos que, en caso de choiva, trasladarase a proxección ao Pavillón Polideportivo Municipal.

Para rematar a programación, o martes 11 de xullo proxectarase no adro da igrexa de Viceso a película de Álex de la Iglesia “Las brujas de Zugarramurdi” (2013), unha comedia de medo e fantasía protagonizada por Mario Casas e Hugo Silva. En caso de choiva, trasladarase a proxección ao Pavillón Polideportivo Municipal.