Venres 20 de Abril de 2018

O CEFORE de Ferrol organiza o primeiro curso de formación para docentes sobre A Ópera como Vehículo de Aprendizaxe


Ata 26 docentes procedentes de nove centros educativos da comarca de Ferrol participarán nesta iniciativa

LÓVA (A Ópera, Vehículo de Aprendizaxe) é un proxecto de innovación educativa de referencia para desenvolver a conciencia e a expresión cultural a través da lírica. O alumnado dunha clase organízase como unha compañía lírica para crear e producir unha ópera ao longo dun año lectivo, coa implicación de profesores, padres e centros de ensino. A implantación deste proxecto supón o coñecemento da súa metodoloxía pedagóxica. Así, os docentes interesados en crear e producir óperas nas súas aulas precisan dunha formación previa que se imparte nun curso intensivo de verán.

Por primeira vez en Galicia realízase este curso de formación de LÓVA para os docentes, grazas ao esforzo do Cefore de Ferrol, Centro de Formación e Recursos que ven traballando desde o pasado mes de novembro na súa organización. Ata este ano, o curso soamente se impartía en Madrid e Valencia. Desde 2017, súmanse as cidades de Ferrol e Barcelona. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove o curso, coa colaboración do Concello de Ferrol.

Mary Ruth McGinn e Peter Hoyle imparten este curso intensivo no Teatro Jofre do 13 ao 20 de xullo. McGinn e Hoyle son os docentes que aplicaron por primeira vez esta novidosa metodoloxía e a trouxeron a España desde os Estados Unidos. A este curso asistirán tamén o coordinador do proxecto LÓVA en España, Pedro Sarmiento e o anterior coordinador, Miguel Gil, que impartirán formación durante varios días.

O curso ten 8 días de duración en horario de mañá e tarde, cun total de 60 horas. Está destinado a un grupo cerrado de 26 docentes de 9 centros educativos que se comprometeron formalmente, tras a aprobación en claustro do Consello Escolar, a implantar o proxecto LÓVA. Os docentes que asistan a esta formación dedicarán o vindeiro curso 2017-18 a converter a súa clase nunha compañía de ópera. Este compromiso formal é un requisito obrigatorio ao ser LÓVA unha metodoloxía de centro, interdisciplinar e por proxectos que obriga a traballar en equipo. A implantación deste proxecto necesita docentes comprometidos co desenvolvemento integral do seu alumnado, que teñan o apoio decidido do equipo directivo porque é un traballo conxunto que implica moitas horas de esforzo e dedicación por parte dos profesores que participan nel. O programa de cada área curricular aplícase ás necesidades da produción e creación da ópera na aula, por exemplo, o cálculo económico de custes das Matemáticas ou a adquisición de destrezas orais da Lingua.

En Galicia asinaron ese compromiso de implantar LÓVA os centros CPR Sta. Juana de Lestonnac de Ferrol, CEIP de Piñeiros de Narón, CPI de San Sadurniño, CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño, CEIP Plurilingüe O Ramo de Fene, CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol, CPR San José de Pontedeume, CPI As Mirandas de Ares e o IES Punta Candieira de Cedeira.

Os centros de ensino galegos que xa aplican LÓVA son exemplos de boas prácticas e de participación conxunta do profesorado. No CPI San Sadurniño, os mestres directamente implicados na implantación do proxecto desde o curso 2013-14 ata a actualidade son: Ana Isabel Vázquez Rico, M.ª del Mar López Somoza, Ana M.ª Brea Santiago, Clara Goás Vargas e Juan M. Fernández Fernández. Este centro destaca por ser o único en Galicia que desenvolveu LÓVA nos tres cursos anteriores e nas tres etapas educativas: infantil, primaria e secundaria. No CPI das Mirandas, a mestra de Música Lara Valcuende, Amelia Seoane-Chanes, titora de segundo de primaria, e a profesora de Música de cuarto da ESO, Teresa Frieiro, implantaron LÓVA no ano lectivo 2016-17. Eses docentes, que recibiron a formación intensiva do curso de verán, son un exemplo de profesionalidade e de compromiso pedagóxico. Ademais, todo o profesorado dese centros e os equipos directivos foron e son parte importante do proxecto xa que, sen o seu apoio, tería sido moi difícil desenvolvelo e alcanzar a calidade e éxitos logrados.

Os docentes formarán unha compañía lírica
O enfoque do curso é moi práctico. Os profesores e profesoras, que se converterán durante uns días en alumnos, vivirán a mesma experiencia que van propoñer á súa clase. Durante o desenvolvemento do curso, formarán unha compañía lírica e estrearán fronte ao público a súa propia ópera. Desempeñarán todos os oficios para coñecer en profundidade as diferentes facetas da ópera: atrezzo, personaxes, guión, dirección de escena, gabinete de prensa… ademais de realizar aprendizaxes en relación con distintas materias e participar en talleres emocionais e de resolución de conflitos.

Os docentes formados neste curso converterán o proxecto LÓVA na súa forma de ensinar. Por iso, é unha formación moi vivencial, que preparará ao docente de xeito que poida actuar como guía e director dos pequenos que, ao final, se quedarán solos na estrea da súa ópera e serán oradores ante un numeroso público. A creación da ópera converterase nunha plataforma de transformación do papel do profesor ou profesora na aula, para que o alumnado supere un gran reto e demostre todo o que é capaz de facer cando confía nas súas moi diversas capacidades. As aulas serán escenarios de aprendizaxe únicos onde se crea un forte sentido de grupo porque todos dependen de todos.

O obxectivo desta formación é crear unha rede que comparta experiencias e coñecementos, que eses docentes sexan os futuros relatores e aproveiten as sinerxías dos centros educativos que aplicarán LÓVA en Galicia no curso 2017-18.