Xoves 19 de Xullo de 2018

III Trofeo Concello de Ordes Grupos Show


As locais do Club Patinaxe Galia tiveron que subir ata catro veces ao podio para recoller as súas medallas e trofeos, deixando constancia do seu alto nivel en cada unha das categorías da competición

Máis de 320 patinadores e patinadoras participaron esta tarde no III Trofeo Concello de Ordes de Grupos Show. O pavillón Castelao I encheuse de afeccionados, seguidores e deportistas para gozar dunha xornada que destacou polo alto nivel das coreografías. As integrantes do Club Patinaxe Galia tiveron que subir ata en catro ocasións ao podio para recoller os seus premios de mans do alcalde de Ordes e da concelleira de Deportes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira. Concretamente foron os grupos grande e pequeno de secundaria que acadaron o terceiro posto, o cuarteto de primaria en segunda posición e o grupo grande de primaria que se alzou co vitoria absoluta entre os maiores.

Todo isto medíndose con outros doce equipos, como foron o Raiola (Ferrol), Patiart Coristanco, Conxuro de Laracha, Xiramos (Vigo), Costa da Morte (Cee), Soutomaior (Vigo), Fontiñas (Santiago), Sarela (Ames), Brincadeira (A Coruña), Axel Arteixo, Oroso e Apóstolo Santiago (Vigo). Cada un deles contou cos mellores representantes nas categorías de grupos grandes, pequenos e cuartetos.

A anécdota da xornada chegou xusto ao remate da entrega de trofeos. Nese intre empezouse a escoitar a canción ‘cumpleaños feliz’ a través da megafonía e unha gran tarta de gominolas de varios pisos de altura asomaba pola pista de competición. Con todas e todos os presentes entonando o tema de sobras coñecido as patinadoras do Club Galia arroupaban á destinataria da sorpresa, a súa adestradora Natalia Naya.

O Club Patinaxe Galia, organizador da xornada, contou coa colaboración dun amplo número de firmas comerciais de Ordes ademais da do Concello de Ordes, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e Deporte Galego.