Venres 14 de Agosto de 2020

Aberto o novo parque infantil de Meixonfrío


Esta mañá quedou aberto o novo parque infantil de Meixonfrío, situado na rúa Ofelia Nieto. A Concellaría de Medio Ambiente, Convivencia e Innovación investiu nesta área de xogos case 60.000 euros, IVE incluído.

O parque está localizado nunha parcela municipal de 1.900 metros cadrados e ocupa unha superficie de case 240 metros cadrados. O resto dos terreos quedaron axardinados. A área de xogos, con chan de herba artificial con placas amortecedoras, dispón dun total de 38 elementos de xogo. O concelleiro Xan Duro salientou que moitos deles son aptos para seren usados por nenos e nenas con diversidade funcional, como unha randeeira específica ou un carrusel inclusivo ao que se pode acceder mesmo en cadeira de rodas.

O parque complétase cun castelo de actividades con tobogán, redes e barras para trepar, pontes e mesmo unha barra de bombeiros. Por último, introducíronse dous xogos tradicionais: o tres en raia e a mariola. En total, poderán xogar ao mesmo tempo ata 97 nenos e nenas.