Martes 23 de Xaneiro de 2018

O pleno municipal de Fene votará unha modificación de crédito para saldar todas as facturas pendentes cos seus provedores de exercicios anteriores


A medida permitiría pagar 87 facturas por un importe global de 144.000 euros

O pleno ordinario do mes de xullo no Concello de Fene vén cargado cunha orde do día dunha ducia de puntos entre os que destacan a modificación da relación de postos de traballo do ente municipal e o contido do que será o terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, que marca de forma transversal todas as políticas e accións municipais de cara a avanzar na procura dunha igualdade real entre xéneros. Porén, o pleno tamén terá unha clara orientación económica, xa que nos primeiros compases da sesión darase conta da liquidación do orzamento de 2016 e do cumprimento “por primeira vez” da normativa estatal en materia de equilibrio económico. Ademais, na sesión tamén se someterá a votación un recoñecemento de crédito e unha modificación de crédito por valor 144.000 euros co obxectivo de pagar un total de 87 facturas por traballos e servizos prestados ao Concello por varias empresas desde o ano 2014. Case todas elas son facturas recibidas sen dispor dunha partida orzamentaria onde acomodalas ou que, por diversos motivos, se presentaron fóra da anualidade que lles correspondería. En calquera caso, o recoñecemento e maila modificación que se votarán mañá permitiría pagalas todas e poñer ao Concello ao día neste asunto. Iso si, para que o punto saia adiante é preciso contar cos votos maioritarios da Corporación. Algo que, en principio, parece dífícil habida conta do posicionamento dos grupos municipais na Comisión informativa de dinamización económica da semana pasada, onde o PP anunciou o seu voto negativo mentres que PSOE e Somos Fene se mostraron proclives a unha abstención.

No tocante ao peche do orzamento de 2016, os datos apuntan a unhas contas municipais que gozan de boa saúde. En canto a resultado orzamentario o ano pasado pechouse cun balance positivo cercano aos 670.000 euros. A Intervención municipal tamén cualifica como positivos o aforro neto e os datos dos remanentes de tesouraría, cifrados en 2,3 millóns de euros.

Estas cifras permitiron finalizar o ano cumprindo coa normativa estatal en materia de contención do gasto e do equilibrio económico que pesa desde hai cinco anos sobre os municipios. Segundo o informe dos servizos técnicos municipais, o Concello de Fene axústase ao obxectivo de estabilidade orzamentaria con preto de 1.5 millóns de euros de capacidade de financiación. Tamén cumpre co obxectivo da regra de gasto e co límite de endebedamento.

O alcalde cualificou o balance como “moi bo” xa que, segundo dixo, 2016 “é o primeiro exercicio en que o Concello cumpre con todos os parámetros. Ademais, os créditos bancarios non chegan nin ao 5% do orzamento municipal, cando o Estado ten fixado o límite no 75%”. En canto ao endebedamento municipal, Juventino Trigo precisa que a maior parte dos datos se refiren ás contías do PAI provincial, que vén sendo unha liña de crédito sen xuros e con dous anos de carencia coa que os municipios poden cubrir débeda, gasto corrente ou investimentos. Segundo o alcalde, o Plan de Aforro e Investimento destinouse “practicamente todo” para financiar obra pública.

Malia todo, no tocante ao balance do ano pasado non todo son parabéns por parte da Intervención municipal, xa que no informe se apunta a que con data de 31 de decembro de 2016 quedaban pendentes de pagar algo máis de 78.000 euros en facturas para as que non existía partida económica consignada.

Para solventar a situación -e propiciar que os provedores cobren de inmediato- o goberno local introduciu na orde do día un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito e unha modificación de crédito por valor de 144.000 euros. Estas fórmulas legais -que malia o nome nada teñen que ver con pedir préstamos nin coa xudicatura- permitiríanlle ao Concello contabilizar e pagar as facturas pendentes recibidas o ano pasado e tamén as que entraron por rexistro nos primeiros meses de 2017 referidas a traballos e servizos de 2016 e incluso de anualidades anteriores.

“Son todas ou case todas facturas de empresas de prestanción de servizos ao concello. Hai algunhas facturas de enerxía eléctrica do 2014 que se tiveron que corrixir porque non estabamos de acordo con elas e algunhas presentáronse no 2015 e no 2016 pero con prestación de servizos no 2014. O resto son facturas de pequenas empresas e incluso algunhas de sociedades do concello en concepto de colaboracións co consistorio nos últimos meses do ano 2016 que non tiñan cabida orzamentaria e que se meten agora para liquidalas e deixalas a cero”, explica Juventino Trigo, quen subliña que a modificación permitirá “liquidar todas as facturas que había pendentes neste Concello, non escollemos cales son ni se lles dá preferencia a unhas sobre outras, son todas as facturas pendentes”

Porén, para que a medida surta efecto primeiro debe pasar o trámite plenario, algo que non está claro que ocorra se atendemos ao resultado da Comisión informativa de dinamización económica celebrada o pasado 26 de xuño, onde o PP se posicionou en contra mentres que PSOE e Somos Fene manifestaron a súa intención de absterse. Neste sentido, o rexedor local apela á responsabilidade dos tres grupos, sinalando que neste asunto “é prioritario que as empresas, moitas delas pequenas, cobren o antes posible o traballo que fixeron. Co pan da xente non se pode xogar a facer política”.