Venres 23 de Febreiro de 2018

O Concello de Lousame terá ata final de ano dúas voluntarias europeas para actividades de turismo, maiores, conciliación e mocidade


Lousame incorpórase ao Programa de Voluntariado Europeo como entidade de acollida e de envío, á que poden dirixirse aqueles mozos e mozas da contorna que queiran solicitar un Servizo Voluntario Europeo

A alcaldesa do Concello de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Xuventude, María Regenjo, deron hoxe a benvida a Anna Uvarova e Lucie Rimasson, as dúas primeiras voluntarias europeas que se incorporan ao municipio. “Estarán connosco ata finais de ano e colaborarán en distintas áreas relacionadas co turismo, os maiores, a conciliación familiar, a cultura e a mocidade, participando en actividades como os campamentos de conciliación familiar, o Punto de Atención á Infancia, actividades cos maiores, co Centro de Día, para o museo das minas de San Finx, nas rutas de sendeirismo…”, explicou Teresa Villaverde.

A alcaldesa indicou que o Concello de Lousame decidiu entrar neste programa porque “apostamos pola mobilidade e a educación non formal da mocidade noutros países, pois estamos convencidos de que favorece o seu desenrolo como persoas, lles permite entrar en contacto con outras culturas e linguas, e reciben un recoñecemento que se terá moi en conta nos seus currículos”. Neste sentido, fixo un chamamento á participación de mozos e mozas de Lousame neste tipo de iniciativas “pois é moi interesante, nos fai máis abertos, máis solidarios e só precisamos que os nosos mozos e mozas perdan o medo á mobilidade como voluntarios noutros países”.

Lousame: entidade de acollida e envío

A concelleira de Xuventude, María Regenjo, explicou que hoxe se culminaba un traballo comezou hai seis meses, cando o Concello de Lousame se converteu en entidade de envío e acollida no Servizo Voluntario Europeo, incluído no programa europeo Erasmus +: Xuventude en Acción. “Empezamos facéndonos socios e quedamos moi sorprendidos pola cantidade de xente que quixo vir a Lousame. Só no primeiro día recibimos cen peticións”, indicou María Regenjo.

O Concello presentou o proxecto “Actividades de voluntariado en Lousame”, cun tempo de duración de 6 meses, e que inclúe “moitas actividades beneficiosas tanto para o Concello como para toda a sociedade lousamiá”, apuntou Regenjo, quen animou “a mozos e mozas, tanto de Lousame como de concellos veciños, a que se animen tamén a participar neste programa porque nos dá unha educación a maiores, permite que melloremos as nosas competencias lingüísticas e tamén é de gran apoio para o noso currículo”.

Tanto Villaverde como Regenjo agradeceron o labor tanto da Dirección Xeral de Xuventude, axudando na tramitación do programa, como das entidades de envío das dúas voluntarias escollidas: Jeunes à Traves le Monde (Francia) e SFERA Movement (Rusia). Tamén destacaron o traballo realizado polo técnico de Voluntariado, José Manuel Outeiral, e polo Departamento de Servizos Sociais presidido por Silvia Agrafojo, ausente na presentación por cuestións laborais.

Voluntarias

Anna Uvarova, de 26 anos e natural dunha vila a 400 quilómetros de Moscú (Rusia), agradeceu a oportunidade ofrecida polo Concello de Lousame e afirmou que “es muy importante tener intercambios para aprender y entender otras culturas, especialmente dos tan diferentes como la española y la rusa. Esperamos ser útiles y colaborar con niños y gente mayor”.

Pola súa banda, Lucie Rimasson, de 21 anos e natural de Rennes (Francia), agradeceulle ao Concello de Lousame “que ofrezca una oportunidad de participar en un gran proyecto” e apuntou que “espero aprender el idioma rápidamente”. Neste sentido, ambas rapazas recibirán tamén clases de español e de galego durante a súa estancia en Lousame.