Venres 15 de Decembro de 2017

Convocadas as axudas á escolarización para o curso académico 2017-2018 que outorga o concello de Riveira


Hai quince días de prazo para presentar solicitudes

Segundo aparece reflectido no BOP de hoxe, o Concello de Riveira convoca as axudas á escolarización para o curso académico 2017-2018.

Esta convocatoria ten por obxecto establecer os criterios e o procedemento para a concesión de axudas á escolarización do alumnado de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos do Concello de Riveira durante o curso escolar 2017/2018, de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia competitiva e publicidade.

A concellería de Servizos Sociais, Promoción Social e Igualdade, a través da presente convocatoria, proponse a inclusión social dos nenos e nenas empadroados e residentes no Concello de Riveira susceptibles de atoparse en situacións de exclusión social ou con menos recursos económicos.

Para a consecución deste obxectivo estratéxico, establécense unha serie de obxectivos secundarios:
a) Desenvolver –dende os Servizos Sociais Municipais– accións específicas orientadas ao ámbito familiar dos nenos e nenas que presenten dificultades de inclusión social.
b) Conciliar a vida laboral e familiar dos pais ou titores dos nenos e nenas beneficiarios.
c) Que o alumnado obxecto da convocatoria conte ao comezo do curso escolar co material didáctico que precise, así como praza en comedor escolar ou axuda de transporte para acudir aos centros educativos.

As achegas reguladas nestas bases teñen como finalidade o cofinanciamento das seguintes adquisicións e servizos:

· Para educación infantil, libros de texto, material escolar e material necesario para o desenvolvemento do curso académico, en función das diferentes obrigas establecidas polo centro educativo, así como das técnicas de aprendizaxe utilizadas (mandilón, chándal, material informático, etc.).
· Materiais didácticos para ciclos formativos e bacharelato.
· Asistencia a comedores escolares, durante o período do mes de setembro 2017 ao mes de xuño de 2018 para 2º ciclo de educación infantil, primaria e ESO.
· Axuda de transporte para desprazamento a outros centros educativos da zona que oferten especialidade educativa diferente da existente en Riveira e para aqueles casos que, valorados como situación de especial vulnerabilidade social polos técnicos de Servizos Sociais, xustifique a súa necesidade de transporte dentro do municipio.

Poderán optar a estas subvencións as persoas que reúnan as seguintes condicións:

a) Cursar estudos no curso 2017/2018, nalgún dos seguintes centros: Escola Infantil Municipal de Riveira (só material escolar e para o desenvolvemento do curso académico), EEI Capela de Carreira, EEI Dean Grande, CEIP O Grupo, CEIP Palmeira, CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, CEIP Plurilingüe de Frións, CEIP de Artes, CEIP de Olveira, CEP Pluriligüe de Carreira, CPR Galaxia, Colexio Bayón, Colexio A Milagrosa de Oleiros, Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras, CIFP Coroso, IES Nº 1, IES Leliadoura e outros centros educativos de fóra de Riveira, que oferten estudos non existentes nos centros do concello.

b) Que a renda per cápita (en adiante RPC) en cómputo anual non supere o importe do IPREM anual (6.390,13 €).

c) Estar empadroado e residindo de forma efectiva no concello de Riveira cun mínimo 6 meses de antigüidade, agás supostos excepcionais debidamente valorados polo persoal dos Servizos Sociais municipais.

d) As persoas estranxeiras residentes no concello de Riveira poderán beneficiarse destas axudas sempre e cando se atopen nunha situación administrativa regular e cumpran as condicións establecidas na Lei orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, así como o contemplado no Real decreto 557/2011, ademais de reunir os requisitos contemplados nas presentes bases.

e) Ter presentada a solicitude e documentación no prazo e forma legal establecido.

O Concello de Riveira dispón das seguintes contías orzamentarias para destinar a esta convocatoria:

2017 231A.48013 20.000,00
2018 231A.48013 15.000,00
Total 35.000,00

Este orzamento distribúese nas seguintes “liñas de subvención”:
Exercicio Destino Importe
2017 Axudas á adquisición de libros de texto, material escolar e material didáctico. 7.000 €
2017 Axudas para transporte 3.000 €
2017 Axudas de comedor escolar 10.000 €
2018 Axudas de comedor escolar 15.000 €

O prazo para presentar as solicitudes é de quince días, contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Non obstante o anterior, ao longo do exercicio orzamentario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisíbeis e excepcionais, non puidesen terse achegado no prazo sinalado no apartado anterior.