Venres 15 de Decembro de 2017

Un colorido mural decorará a parede aledaña ao parque infantil de Padín


Para seguir embelecendo espazos públicos municipais

O A xunta de goberno local de Riveira aprobou no día de hoxe unha vistosa actuación consistente na elaboración dun mural na parede aledaña ao parque infantil situado en Padín, entre as avenidas da Coruña e Ferrol, co fin de seguir embelecendo espazos públicos do noso municipio en detrimento do feísmo.

Trátase dunha actuación para cuxa materialización cóntase coa colaboración da Real e Ilustre Confraría da Dorna. De feito, será realizada por Mutante Creativo, firma que se encargou o verán pasado de elaborar un primeiro mural nas proximidades do que se vai facer agora e que foi bautizado polos veciños como Chabola Sixtina, tendo á festa da Dorna e á serea de Sálvora como protagonistas.

Desta vez as paredes do parque infantil situado en Padin, duns 40 metros de superficie, servirán de lenzo para que estes artistas afincados en Ordes realicen unha nova creación con motivos dorneiros e de elementos riveirenses na que a cor sexa de novo a característica predominante. Para tal fin, empregaranse técnicas de grafiti e pintura ao fresco.