Venres 15 de Decembro de 2017

Este luns entrará en vigor a peonalización temporal da costa de San Francisco


O próximo luns, 10 de xullo, quedará cortada ao tráfico a avenida de Xoán XXIII no tramo comprendido entre o Burgo das Nacións e a confluencia coa rúa Entrerríos. O obxectivo é destinar unicamente ao tránsito peonil o contorno da igrexa de San Francisco, “unha área na que se fai moi difícil a convivencia entre os peóns e os vehículos”. A medida, que se pon en marcha de maneira provisional ata principios de setembro, foi anunciada hoxe polos concelleiros de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

Os dous concelleiros lembraron que “nos últimos anos véñense aplicando diferentes modificacións no viario co obxectivo de diferenciar mellor o espazo para os peóns e para o tránsito rodado, pero todas elas resultaron infrutuosas”. Nese sentido, insistiron en que “as características da rúa, con firme de pedra, fan que se interprete que a zona é peonil, mentres que os condutores seguen sen respectar os sinais que indican precisamente a preferencia para os peóns”.

Afluencia masiva de turistas
Jorge Duarte explicou que a medida se pon en marcha na temporada estival “ante a masiva afluencia de turistas dende a dársena de Xoán XXIII, que dificulta aínda máis a convivencia”. Ademais defendeu a aposta decidida do Goberno “por devolver os espazos públicos á cidadanía e pacificar o tráfico”. O concelleiro explicou que estes meses “servirán para avaliar o impacto do peche no tráfico, para en setembro valorar a conveniencia de darlle continuidade á medida”.

Jorge Duarte explicou que nas últimas seis semanas estívose realizando unha medición de tráfico na zona, e comprobouse que por San Francisco circula unha media de 4.500 vehículos diarios nas xornadas laborais en sentido subida cara Xoán XXIII, e case 4.000 en sentido baixada cara Entrerríos. Para o concelleiro, “é evidente que estas cifras son incompatibles co tránsito normal dos peóns”.

Novos sentidos de circulación
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que “durante estes meses reforzarase a presenza policial na zona para informar dos novos sentidos de circulación, ademais de instalar a correspondente sinalización”.

A partir do luns, todos os vehículos non autorizados que circulen por Xoán XXIII en sentido baixada deberán desviarse pola rúa Burgo das Nacións, e os que suban pola rúa de García-Sabell terán que seguir obrigatoriamente pola rúa de Entrerríos.

O aparcadoiro de Xoán XXIII terá a súa entrada pola rúa do Burgo das Nacións, mentres que a saída se poderá realizar tanto por esta rúa como por Xoán XXIII. Neste caso, os vehículos terán que saír obrigatoriamente en dirección á praza da Paz.

No tramo a peonalizar permitirase o paso para facer a carga e descarga da zona, con horario de 7:00 a 10:30 horas. Ademais, consideraranse vehículos autorizados aos usuarios do aparcadoiro da Facultade de Medicina, que ten a súa entrada pola Costa de San Francisco, e aos vehículos que na actualidade poden acceder á praza do Obradoiro.