Sábado 15 de Decembro de 2018

Veciños e veciñas de Trazo presentan máis de 500 sinaturas para reclamar que se restableza o horario de atención sanitaria no centro de saúde de Agro do Mestre


Denuncian ante a Xerencia de Atención Primaria do Sergas que levan meses cun recorte no horario de atención que supón agardas de entre 5 e 10 días para unha cita médica

Veciños e veciñas de Trazo presentaron na Xerencia de Atención Primaria do Sergas un escrito avalado por máis de 500 sinaturas no que reclaman que “con urxencia se complete o horario de atención médica no centro de saúde de Agro do Mestre” (Trazo). Un escrito presentado por Ana María González Noya en representación dos afectados polo recorte, no que adiantan que “de non atenderse a nosa petición, non renunciamos a recorrer a outras vías para recuperar o servizo que tiñamos anteriormente”.

No seu escrito de protesta, os veciños e veciñas de Trazo expoñen que o centro médico de Agro do Mestre, emprazado na parroquia de Xavestre, atende a uns 1.500 pacientes e que “levamos meses cun recorte no horario de atención que implica esperas de 5 a 10 días para unha cita médica”. Neste sentido, o escrito lembra que “pertencemos a un concello do rural e a maioría dos afectados son maiores de 65 anos” xa que “este recorte coincide cos meses de maior afectación dos procesos gripais, o que implica que parte dos afectados acudan ao Servizo de Urxencias do Hospital Clínico Universitario, contribuíndo a colapsar o servizo”. Así mesmo, denuncian que “este recorte afecta tamén á actualización de receitas e, polo tanto, ao correcto acceso aos medicamentos por parte dos pacientes”.

Redución do tempo de atención

O recorte no tempo de atención ao paciente ten a súa orixe na prexubilación do médico titular do centro en outubro de 2017. A súa praza foi cuberta por unha nova facultativa, que ten concedida unha lexítima redución de xornada. Porén, isto provocou que o tempo de consulta no centro médico de Agro do Mestre se reducira das 6 horas diarias a tan só 2 horas e 40 minutos.

Os socialistas de Trazo, que apoiaron totalmente esta recollida de sinaturas, xa plantexaron tamén a situación no Parlamento de Galicia, onde a Xunta respondeu que o médico do centro de saúde de Viaño Pequeno se fixera cargo dos usuarios que precisaran asistencia a partir das 11:30 horas. Unha “solución” que non se sostén mirando as cifras da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela: o consultorio de Agro do Mestre atendeu en 2016 un total de 7.831 consultas de medicina xeral e 4.040 consultas de enfermería; mentres que o centro de saúde de Viaño Pequeno atendeu 5.324 consultas de medicina xeral, 5.269 de enfermería e 831 de pediatría.