Xoves 18 de Outubro de 2018

Aberta ata o 28 de febreiro a bolsa de traballo do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Moeche


O Concello de Moeche mantén aberto ata o 28 de febreiro o prazo de presentación de solicitudes para a actualización de méritos e para novas incorporacións á lista do Servizo de Axuda no Fogar. Trátase dun proceso que se desenvolve anualmente desde 2016 co que se busca manter ao día a bolsa de contratación do servizo, da que se tira no caso de substitucións por vacacións, por baixas médicas ou para nomeamentos en rexime de interinidade. A convocatoria está regulada polas bases publicadas hai case dous anos no Boletín Oficial da Provincia. Nese anuncio tamén se recolle como anexo a solicitude que cumprirá presentar para entrar formar parte da lista.

De acordo coas bases, para acceder á bolsa é necesario ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea, ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións, ou ter residencia legal en España. Tamén é necesario ter alomenos 16 anos, dispor da titulación requirida, ter carné de conducir e dispoñibilidade de vehículo, non encontrarse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo e, por último, que non existan causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco algún expediente disciplinario que arrede ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.

A formación que se esixe para entrar na lista é a de dispor -indistintamente- do certificado de profesionalidade de auxiliar de axuda a domicilio, do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes ou o do de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Porén, tanto quen xa forme parte da bolsa como quen queira entrar nela por primeira vez pode mellorar a súa puntuación total achegando a acreditación de formación complementaria, por experiencia laboral e polo coñecemento do galego.

Todas estas condicións -tanto as xerais como as específicas- deben reunirse no momento de presentar a solicitude, que ha de rexistrarse no Concello acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI, dunha copia compulsada do permiso de conducir, a declaración xurada de dispoñibilidade de vehículo, e unha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados. As persoas que presenten por primeira vez a súa solicitude tamén deberán achegar o certificado de profesionalidade ou titulación coa que conten.

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos finaliza o 28 de febreiro. A partir de aí reunirase a Comisión de valoración para analizar toda a documentación. No caso das actualizacións revisará a información e, de ser o caso, modificará as puntuacións que tivesen as persoas inscritas na lista. No caso de novas inscricións comprobarase o cumprimento dos requisitos xerais e específicos e sumaranse os puntos outorgados dependendo dos méritos que se presenten. Unha vez baremada e actualizada, a lista exporase ao público e, tras este trámite, as bolsas elevaranse a definitivas, permanecendo en vigor ata o ano que vén.

Moeche xestiona directamente e con persoal propio o Servizo de Axuda no Fogar. Nestes momentos o departamento conta con catro traballadoras que atenden no domicilio a unhas 30 persoas usuarias. A finalidade da bolsa de contratación é dispoñer de persoal para cubrir vacacións ou baixas laborais e incluso vacantes que se poidan producir.