Venres 23 de Febreiro de 2018

O Concurso de Disfraces de Brión repartirá 2.750 € en premios e porá o punto e final ao Entroido na comarca o domingo 18 de febreiro


As inscricións estarán abertas na Casa da Cultura (981 509 908) ata o 15 de febreiro. Non se admitirán inscricións o mesmo día do concurso

O Concello de Brión convoca o seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá 2.750 euros en premios e terá lugar o domingo 18 de febreiro, poñendo así o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelá. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de febreiro ben en persoa (na Casa da Cultura de Brión), ben no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas.

Todos os participantes no concurso terán a obriga de participar no desfile de Entroido que, se o tempo o permite, sairá o domingo 18 de febreiro, ás 16:30 horas, da Carballeira de Santa Minia e percorrerá as rúas de Pedrouzos ata o Pavillón Polideportivo Municipal, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces. Os participantes estarán acompañados pola música da charanga Os Celtas. Unha vez finalizado o concurso, a orquestra Capitol amenizará a Festa de Entroido, que se prolongará ata ben entrado o serán.

Os dorsais poderán recollerse entre as 15:00 e as 16:30 horas na Carballeira de Santa Minia. Se o tempo acompaña, todos os participantes sairán en desfile. Se chovera, os participantes concentraranse directamente no polideportivo.

Categorías

As bases do concurso, que se poden consultar na web municipal (www.concellodebrion.gal), establecen cinco categorías que se repartirán 2.750 euros en premios. Na Categoría Infantil (menores de 11 anos) e na Categoría Xuvenil (de 12 a 17 anos) entregaranse cinco premios de 60, 50, 40, 30 e 20 euros canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na Categoría de Adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con tres premios de 100, 75 e 40 euros; e parellas, con premios de 150, 100 e 60 euros.

Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas) haberá dúas modalidades: infantil/xuvenil, con tres premios de 150, 100 e 75 euros; e adultos, con tres premios de 200, 150 e 100 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse cinco galardóns de 300, 250, 200, 175 e 125 euros. Por terceiro ano consecutivo non haberá Categoría de Carrozas, debido á escasa participación rexistrada en edicións anteriores.

O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o lucimento do traxe sobre o escenario do pavillón polideportivo, onde os concursantes terán un tempo de 3 minutos (individuais ou parellas), 5 minutos (grupos) e 8 minutos (comparsas) para facer as súas presentacións.