Mércores 15 de Agosto de 2018

Botou a andar en San Sadurniño o V Chanfaina ‘Lab


Como era de agardar, o Chanfaina ‘Lab cumpriu con todas as expectativas en canto a variedade e creatividade. A vintena de cineastas de dentro e fóra de San Sadurniño que estiveron en San Sadurniño a primeiros de setembro achegaron receitas saborosas cociñadas con ingredientes colleitados aquí e acolá, nuns casos a ao servizo da pura evocación da paisaxe, noutros probando a súa mestura con historias humanas que revestisen as pezas de novos significados, nalgúns engadíndolles máis doses de ficción que de realidade e, en todos eles, sempre presentes o sal e a pimenta da experimentación. Nesta tarde-noite de sábado estreáronse as obras nunha Casa da Cultura ateigada de público famento de probar os gorentosos pratos do menú audiovisual elaborado, por primeira vez, por máis cineastas locais que visitantes. Como tamén era de agardar, todo estivo moi rico e ninguén marchou con fame, alomenos con fame de cine.

Imposible resumir o pase que se fixo dos filmes na Casa da Cultura, que encheu o patio de butacas, os corredores laterais e incluso as escaleiras do escenario. Igual que as chanfainas de comer -un embutido elaborado con distintas partes do cocho con sangue como aglutinante- a Chanfaina audiovisual constitúe por si un totum revolutum onde as pezas están conectadas unhas coas outras polo nexo común do tempo -unha fin de semana de primeiros de setembro- e do espazo -o San Sadurniño de 2017 con todo o seu contido humano e natural-. E a partir de aí que cadaquén busque a vida para contar algo, para tirar de entre a premura e o descoñecemento do territorio historias que ás veces se poden preconcibir e ás veces saltan diante da cámara e hai que aproveitalas, dándolles logo na montaxe un formato que conecte co público ou que, simple (ou complexamente), sexa un exercicio de arte fílmica aberto a múltiples gustos e interpretacións.

Se houbese que buscar eixos temáticos coincidentes poderiamos empezar polos retratos da paisaxe e da natureza -entendendo que non todas as pezas son exclusivamente iso- como exemplos da intencionalidade dos autores e autoras por aprehender anacos de San Sadurniño.

O benxamín da Chanfaina 2017 Pablo Martínez asina “Enamorándose de San Sadurniño”, unha curta protagonizada por el mesmo e por Iago Lourido que pon de relevancia a cantidade de recunchos fermosos que rodean o centro urbano do municipio. Porén, a obra deste novísimo realizador zumega vitalidade e tamén as ansias adolescentes de liberdade e de probar experiencias novas, valéndose para iso de espazos que habitualmente pasan desapercibidos.

De describir o territorio -aínda que ampliando o seu radio de acción- tamén se ocupan Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo, xuntas no proxecto multimedia The Sungirls. A súa peza “360° en cores” alónxase no estilo e no formato doutras creacións anteriores que se poden ver na súa canle de youtube. Cunha realización completamente distinta na que se deixa entrever a influencia visual de redes como Instagram, The Sungirls enlazan espazos e intres que descobren puntos de vista novos de espazos sobradamente recoñecibles.

Nunha liña semellante tamén traballou a realizadora Carmen Rey, quen estreou en San Sadurniño “O familiar envolve”. No seu caso a contemplación pura dálle paso a unha descrición acertada e chea de retranca da paisaxe natural, patrimonial e humana do municipio. As circunstancias márcanas o lugar e o momento (San Sadurniño, setembro de 2017), pero a curta é en si mesma un retrato preciso do rural galego e, máis que nada, da idiosincrasia galega.

O título da curta de Carmen Rey ben lle podería ser aplicado a toda a traxectoria audiovisual de Abel Vega. Este veciño de Igrexafeita -albanel retirado- meteuse a facer vídeos como unha maneira de aprender cousas novas e de encher o tempo. E fíxoo mirando á tradición e a todo aquilo que lle resulta familiar, todo aquilo que o envolve. Con el aprendemos en varios vídeos a facer pan, descubrimos os muíños do regato de Mariaqueira, o Pozo de Lamas… e para esta Chanfaina ‘Lab Abel pousou a súa mirada no pequeno mundo dos formigueiros. “Cando roxe o formigueiro” é unha curta sorprendente e incluso inquedante por momentos na que Vega bota man do seu saber para mostrar a complexidade social das formigas e homenaxear o filme protagonizado por Charlton Heston. Armado “cunha cámara do Alcampo que me costou 99 euros” o realizador amador rubrica unha obra que engancha de principio a fin malia non dispoñer dos medios técnicos dos que goza David Attemborough. En vez diso, Abel válese da súa espontaneidade, desa mirada limpa e do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega.

Laxe foi outro dos pesos pesados do noso audiovisual que se sumou ao Chanfaina ‘Lab en 2017. E fíxoo cunha peza -“O salvaxe. Leva o seu tempo.”- que recolle a relación humana co cabalo. Un argumento que se trascende aos escasos segundos da metraxe gracias aos comentarios vitais que fan o propio director e a súa compañeira Nadia Acimi, experimentada amazona que vai debullando esa simbiose a xeito de vídeocarta que lle envía aos seus fillos, Esteban e Käina. Nunha primeira parte da curta de 26 minutos, Nadia e Óliver Laxe contextualizan a figura do cabalo sempre vencellada á historia da humanidade, ligada ao seu progreso pero tamén ao lado máis tebroso que representan as guerras e o dominio despótico sobre o animal. A segunda parte -da que se desprende tamén a segunda parte do título- lanza unha mensaxe de comuñón coa natureza e de volta á orixe, cando a relación persoa-animal era unha relación case de igual a igual. O director premiado en Cannes por dúas veces asumiu o reto do Chanfaina ‘Lab deixando a un lado a planificación e botándose ao monte das ideas que cómpre aproveitar, das historias que aparecen e que se van construíndo diante da cámara a base de xestos, palabras e miradas.

A ollada documental
Nunha segunda clasificación temática -que é permeable a calquera outra que queiramos facer- poderían encadrarse as curtametraxes do Chanfaina ‘Lab que, máis ou menos, se axeitarían aos parámetros do documentalismo. É o caso das dúas pezas presentadas por Consuelo Picos, Carmen Couce, Carmen Bouza, Cruz Piñón e Lucía Pita, todas elas integrantes do proxecto “Teño unha horta en San Sadurniño”. Na primeira delas, titulada “Historia do cisne, o atún e a troita”, sírvennos unha narración en clave feminina sobre o nacemento, funcionamento e final da conserveira El Cisne, montada na zona da Bidueda ao abeiro das axudas para as Zonas de Urxente Reindustrialización que seguiron a reconversión naval dos anos 80. Hai unha chea de documentación nas hemerotecas sobre esta fallida experiencia industrial, pero ata o momento ninguén levara a súa historia ao terreo audiovisual. A curta afonda principalmente nos aspectos humanos, no que supuxo para o empoderamento das mulleres -a maior parte do cadro de persoal era feminino- e no xeito en que tamén elas levaron a cabo a loita obreira para frear un peche inevitable.

O outro documental, encabezado co título “Boniatos no país do sol poñente”, tamén reivindica a muller como sustento do rural. As realizadoras -cunha media de idade superior aos 70 anos- versionearon o filme “A illa núa” do xaponés Kaneto Shindô co que Óliver Laxe ilustrou a charla de peche do pasado Chanfaina ‘Lab. A cinta de 1960 narra a vida dunha familia que habita un illote do Xapón sen auga doce, onde cousas tan cotiás como cultivar a terra, beber, ir á escola… supoñen un inmenso esforzo e un reto vital. O mesmo que moitos labores agrícolas que aínda hoxe se fan por Galicia adiante. A música e a estética de “A illa núa” duplícanse na curta das mozas de Teño unha horta… para reflectir que o apego á terra e o traballoso de soster un rural vivo non é algo exclusivo de lugares lonxanos, senón unha responsabilidade da que terman moitas mulleres e homes ben preto de nós.

No terreo do documentalismo tamén se adentrou Fran Bermúdez. O realizador emigrado temporalmente da Lobeira -Santa Mariña do Monte- afástase da introspección mostrada en anteriores chanfainas para achegarse ás vivencias de Luis, un dos seus veciños. “O inxerto, a bicicleta e o helicóptero” é un compendio oral e visual da personalidade do ancián, condensada nos tres elementos que lle dán nome á curta e que só se comprenden a medida que a narración vai evolucionando. Bermúdez pon a súa cámara a gravar e deixa que Luis fale, salpicando a conversa con pequenas pinceladas que nos describen o seu entorno.

Esa mesma esencia, a da persoa no seu entorno, tamén a desprende “A casa”, do realizador portugués Carlos Viana. A curtametraxe entra na vivenda da familia Cinza-Íñiguez para describir a súa casa como espazo vital a través do tempo. Os recordos que garda, os testemuños do devir da historia e incluso da cultura de San Sadurniño, van fiando un discurso que non tería sentido sen a intervención dos moradores nin tampouco co único retrato de cada recuncho. Aínda que non foi algo buscado, a peza “INT/CASA” de Olaia Sendón garda certas semellanzas de plantexamento, pero resoltas dun xeito completamente distinto e con diferente cometido narrativo. Sendón constrúe con planos estáticos de estancias de varias vivendas de San Sadurniño unha peza máis experimental que documental. Os lugares sucédense na cinta completamente baleiros pero, co son gravado por Olaia en distintos momentos da súa propia vida diaria -maiormente os compartidos co seu bebé-, cobran nova vida e constrúen novos espazos.

A parlamentaria Ana Pontón -quen xa participara como produtora nunha anterior edición da Chanfaina ‘Lab- presentou en San Sadurniño “Nós mesmas” a súa primeira peza como directora. Con ela buscou romper tópicos sobre as mulleres do rural e os seus anhelos. Para iso entrevistou a cinco mulleres de distintas idades e xuntou os seus testemuños con imaxes dunha viaxe do tren Ferrol-Ribadeo, metáfora dun camiño percorrido… pero tamén dun camiño que aínda falta por percorrer. Pontón disocia a viaxe e as voces en off dos rostros que tecen o argumento, que só se presentan como retratos nos últimos intres da curta. Esta técnica narrativa leva ao público a facer o exercicio mental de tentar asociar quen dixo que, pero tamén reforza o discurso de que todo podería telo dito calquera muller en calquera lugar de Galicia.

A última das pezas deste apartado documental -e tamén a última que se proxectou- é “Chanfaina 2017” obra do fotógrafo Gabriel Tizón. As instantáneas captadas por el durante o mes de setembro son un mosaico de momentos roubados de grande potencia visual. Neles aparecen os lugares e as persoas que protagonizaron o proxecto, pero tamén detalles aparentemente insignificantes que só un ollo xornalístico/artístico coma o de Tizón é capaz de revestir de beleza e significado.

A ollada experimental
Se algo caracteriza o Chanfaina ‘Lab é a liberdade creativa. A única condición que se pon para participar no encontro audiovisual é a de retratar o San Sadurniño físico e humano como se queira, aínda que unha localización determinada sexa totalmente accesoria á mensaxe que se queira lanzar. Da vintena de pezas proxectadas, alomenos 7 encaixarían no que poderiamos chamar cinema experimental.

Entre todos eles hai dous exemplos que é difícil asignarlles unha categoría determinada. Un é o “Int/Casa” de Olaia Sendón e o outro é “Sansa”, de Cristina de La Torre. Se deixamos este último filme baixo a epígrafe de experimental é porque non se trata dunha ficción -aínda que si o sexa- nin tampouco dun documental -aínda que si cumpra co requisito de captar a realidade-, senón máis ben outra cousa distinta… e experimental. E é que de La Torre percorreu o territorio captando intres como un pleno municipal, unha voda, unha misa de domingo, o xantar do propio Chanfaina, etc., que se mostran tal e como son, pero cos audios encabalgados. É dicir, o son dunha escena mantense sobre outra ou incluso cámbiase por completo para construír unha realidade nova que pode causar reaccións no público como a risa ou a estupefacción.

Pola súa banda, as irmás Lara e Noa Castro achegaron á súa segunda participación no encontro audiovisual un filme complexo no conceptual e por momentos desconcertante no que volven ensaiar un punto de vista sorprendente. En “Pezas imposibles” reviran as pozas do Castro, en Naraío, para convertelas en obxecto de exploración de novos espazos onde a figura humana se desenvolve sen referencias.

Sorprendente foi a nova colaboración do tándem formado polos realizadores locais Sebas Rodríguez e Bieito Beceiro. O primeiro deles dirixiu “O galiñocidio”, onde se xuntan todos os elementos do surrealismo levado ao cine a principios do século XX. Cunha montaxe e unha fotografía coidadas malia a falta de medios técnicos, Rodríguez consegue trasladar a San Sadurniño metáforas saídas dos seus pesadelos que arrecenden ao can andaluz de Buñuel. Para esta curta, Bieito Beceiro ocupouse da cámara. Pero tamén fixo a súa propia tirando de simbolismo onírico e poesía que deixan sobrada marxe á interpretación de quen mira. “Indefinido” é iso, unha peza indefinida, produto da imaxinación dun apaixoado do audiovisual que busca os seus referentes no pequeno grande mundo de Bardaos.

A poesía é tamén o principal sustento sonoro de “Abatida”, filmado en Super-8 por Anxos Fazáns. A realizadora acaba de rematar a súa primeira longametraxe e no Chanfaina ‘Lab quixo reflectir o amor e o desamor xunto co marcado contraste entre o urbano e o rural, tan próximos en Galicia e, ao mesmo tempo, tan afastados. Unha batida de caza e as evolucións dun can rastrexando a presa no medio da maleza sonlle suficientes elementos para construír este haiku visual que non deixa a ninguén indiferente.

Polo cine á antiga usanza optaron tamén Alberto Lobelle e Ángel Rueda, autores de “Estudo para rostro humano” e “Naraío” respectivamente. Lobelle puxo diante da cámara de 16mm a cinco xeracións de mulleres dunha mesma familia -si, cinco: avoa, filla, neta, bisneta e tataraneta-. O seu rostro e mailos seus xestos naturais son o único que enche a pantalla, pero tamén o que suxiren as súas miradas. Partimos da inocencia infantil, pasamos logo á vitalidade da aínda mocidade e, despois, a medida que a cámara remonta as tres últimas xeracións, vemos como os ollares se tinguen de experiencia.

No caso de Ángel Rueda, a curta “Naraío” presentouse como unha performance visual combinando a imaxe dixital con tomas feitas en cine e proxectadas na mesma pantalla polo director e responsable do Festival S8. O contraste dos tempos pasados cos actuais gravados, á súa vez, con maquinaria do pasado, conformando un díptico novidoso no formato que Rueda acompaña de testemuños extraídos da web Fálame de San Sadurniño. Malia que o título menciona unha das parroquias do concello, o protagonismo é de todas elas, posto que as escenas estáticas reflectidas nas fotografías pertencen a distintas épocas e lugares do territorio.

A ficción actual
O terceiro e último eixo temático do Chanfaina ‘Lab 2017 ben podería ser o da ficción. Boa parte dos filmes enmarcados na categoría de experimentación cumprirían a característica de seren ficticios pero, en esencia, só un deles se axusta ao xénero. Presentárono a xente da entidade local Concienciarte, e o seu título é “Homilías Neoliberales/Decrecentismo”. Trátase dun monólogo retranqueiro ofrecido por un pastor do neoliberalismo interpretado polo tamén guionista David Anca. O formato elixido é o dunha homilía relixiosa que cambia o seu contido para facer apostolado da economía e do engorde das grandes fortunas como únicos dogmas de fe que deben rexer o mundo. A peza de humor e crítica é, ademais, un anuncio publicitario do congreso que está preparando a Rede de Decrecemento Eo-Navia, Galiza e O Bierzo, co obxectivo de concienciar sobre “o absurdo” de querer seguir medrando indefinidamente a costa dun planeta que é finito.

A partir da semana que vén, máis chanfaina en pantalla pequena
A estrea das curtametraxes gravadas no Chanfaina ‘Lab de 2017 -no que colaborou a Deputación da Coruña- supuxo o arranque oficial do Chanfaina ‘Lab 2018. Será a quinta edición dun encontro audiovisual que xa está consolidado na rede de festivais galegos e que manterá a súa filosofía e estrutura, dándolle unha fin de semana aos realizadores e realizadoras para filmar as súas pezas -seguramente na primeira fin de semana de setembro- e rodeando a ocasión con charlas e obradoiros centrados no audiovisual. Ademais, tal e como comentou a responsable de Cultura, Sabela Cinza, outro dos obxectivos é “manter o irmanamento iniciado o ano pasado co cinema rural portugués”.

Agora, trala proxección na Casa da Cultura, as obras do ano pasado saltarán ás pantallas de ordenadores, táblets e teléfonos desde a canle de youtube de Fálame de San Sadurniño, onde se irán estreando de unha en unha, semana a semana, a partir do próximo venres. Ademais, os autores e autoras tamén teñen liberdade para movelas por festivais e certames que, de seguro, axudarán a levar polo mundo o nome de San Sadurniño.