Mércores 15 de Agosto de 2018

A Xunta inviste máis de 84.000 euros en diferentes actuacións de mellora e protección do medio ambiente en Porto do Son


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, José Luis Oujo, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
En total, investíronse máis de 84.000 euros repartidos entre un proxecto de mellora das instalacións de abastecemento de auga, a través do bombeo da Igrexa e da merca dun aspirador autopropulsado que pasará a dar servizo en tarefas de limpeza viaria.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso de Porto do Son, o municipio alberga 51 aeroxeneradores e máis de 12,5 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.