Luns 21 de Maio de 2018

A festa infantil do Concello e a actuación de Pesdelán, pratos fortes do Entroido en San Sadurniño


Este ano o Entroido cae relativamente baixo. O Martes de Entroido -festivo local- e xa o próximo, día 13 de febreiro, case sen darnos tempo a facer a dixestión do Nadal nin a recuperarnos da costa de xaneiro. Trátase dunha festa de grande tradición caracterizada pola liberdade para transformarnos en calquera outra cousa distinta da que somos a diario. As máscaras teñen durante unha semana licenza plena para facer o que lles pete sen que a ninguén lle deba parecer mal, xusto antes de entrar na época de recollemento da Coresma. De sempre o Entroido foi unha festa popular presidida polas bromas, pola troula e, máis recentemente, por eventos organizados polos concellos e polas entidades culturais e veciñais de cada territorio. En San Sadurniño o programa estará presidido pola festa infantil armada por Cultura para a tarde deste sábado día 10 e polo espectáculo Entroidanzas que ofrecerá Pesdelán en Naraío o sábado 17 da man da asociación veciñal.

O ximnasio do colexio público volverá ser escenario dunha tarde de xogos, baile e disfraces dirixida á rapazada de entre 3 e 12 anos. A empresa de animación La GuaGua achegará o seu “Cantabaila de Entroido”, que vén sendo un espectáculo musical pensado para que os nenos e nenas se divirtan brincando. A sesión complétase cun obradoiro de maquillaxe de fantasía, con camas elásticas e un grande castelo inchable.

A festa do Entroido infantil comezará ás 17.00h. e non fai falla inscrición previa. Porén, onde si será necesario apuntarse será no obradoiro de fabricación de carautas organizado polo Concello para o Mércores de Cinza como unha actividade a medio camiño entre a conciliación e o xogo.

A proposta desenvolverase o mércores 14 -día non lectivo- a partir das 11.00h. e nela a rapazada aprenderá a facer máscaras con materiais reciclados como papel, cartolina e outras cousas ben baratas que sempre hai pola casa.

Trátase dun obradoiro gratuíto dirixido a nenas e nenas maiores de 4 anos. Hai un máximo de 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición acudindo á Casa da Cultura ou enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Sábado 17 de febreiro, 20.00h.: “Entroidanzas” en Naraío
O último evento do Entroido lévanos ata Naraío, onde a Asociación Veciñal O Castelo organizou para o serán do sábado 17 unha actividade de música e baile para toda a familia coa axuda do grupo Pesdelán. O espectáculo titúlase “Entroidanzas”, un nome que combina na mesma palabra “Entroido” e “Danza” posto que é precisamente iso: un baile de máscaras moi participativo e aberto a todas as idades no que Pesdelán nos ensinará os ritmos dos carnavales de moitas culturas, incluída a nosa.

Para este Entroido musical de Naraío, que é gratuíto, tampouco fai falla inscrición previa, aínda que si é recomendable a puntualidade -comeza ás 20.00h. no local social da Veiga- xa que a entidade veciñal agarda que o local complete rapidamente o seu aforo. Desde O Castelo informan, ademais, que tan pronto como acabe Pesdelán, a asociación prolongará o baile até a medianoite con música discotequeira.

Recuperar os Entroidos de antano
Xunto co espectáculo da tarde do sábado 17, a asociación tamén anda á procura da recuperación dese Entroido de toda a vida protagonizado por máscaras sen sofisticación que se metían en tabernas e casas alleas para “facer cine” ou “facer esterco” (en sentido figurado).

A xente máis vella -e a non tan vella- fala dos domingos e martes de Carnaval como datas sinaladas, días de grandes xantares e longas sobremesas na compaña de familiares e amizades ás que sempre se lles unían unha ou varias máscaras misteriosas. Rara vez sacaban a carauta, salvo que fosen descubertas a base de preguntas, por deixar á vista algunha característica física delatora ou por non ser quen de cambiar suficientemente a súa voz. O proceso de descubrimento da máscara era froito da observación ou da pericia inquisidora, nunca da forza. De feito, unha das primeiras ensinanzas entroideiras para nenas e nenos sempre foi a norma de que “ás Máscaras non se lles toca” xa que, de facelo, teñen patente para remexerse de maneiras imprevisibles e libres de castigo.

Que entrase unha máscara na casa adoitaba ser unha festa para todo o convite debido a que a risa estaba asegurada. O disfrace era o de menos -case sempre de vella ou de vello-, o elemento máis importante era a careta -valía calquera cousa, incluso un trapo con dous buratos-, convertida en muro infranqueable para os de fóra e escudo protector detrás do que a persoa enmascarada podía rir a cachón de todo e de todos… Porque, esa é outra, no Carnaval había licenza para as chanzas e bromas que, ás veces, tamén lle caían pesadas a quen as recibía. Neses casos a persoa ofendida pola Máscara tiña dúas posibilidades: asumir a broma e calar ou mostrar máis agudeza dialéctica, pero nunca reaccionar con violencia porque, lembremos, a Máscara era intocable.

Esa é a esencia que O Castelo de Narahío quere manter viva, e por iso anima ás Máscaras para que se boten aos camiños o Domingo e mailo Martes de Entroido “como algo espontáneo, igual que foi sempre”. Un convite que vai dirixido sobre todo “ás xeracións máis novas que andan ao truco ou trato no Halloween importado, pero que non fan o propio no Entroido de toda a vida”, tal e como apuntan desde a entidade.