Martes 18 de Setembro de 2018

Continuidade para o CIM e os servizos sociais básicos na Mancomunidade de Ordes


O Pleno aprobou esta semana a solicitude de subvencións á Deputación da Coruña por un total de 220.000 €, incluíndo a contratación dun técnico de xestión cultural

O programa de servizos sociais básicos prestado pola Mancomunidade de Ordes seguirá ofrecéndose aos colectivos que o precisen. Así se acordou no pleno que tivo lugar esta semana, que deu o seu visto e prace á solicitude da subvención para o exercicio 2018. A contía ascende a preto de 96.000 euros a cargo da Deputación da Coruña que irán destinados a sufragar o programa de axuda a domicilio baixo a fórmula de libre concorrencia para os concellos de Frades (34.000 €) e Ordes (62.000 €). Como novidade o Concello de Frades contará cunha nova auxiliar administrativa, mentres que o de Ordes seguirá cunha educadora social e unha auxiliar administrativa.

Outro dos puntos acordados foi a continuidade do Centro de Información á Muller (CIM). Con este fin presentarase a solicitude por algo máis de 110.000 € para a continuidade do cadro profesional composto por unha directora, unha axente de igualdade, unha psicóloga e unha asesora xurídica. Unha cantidade na que ademais van incluídos os custos para o deseño dun programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Segundo as últimas estatísticas o número de persoas atendidas ao longo do último ano achegouse ás 400, das cales 283 solicitaron o dito servizo por primeira vez en Ordes.

Por último tamén se acordou a solicitude para a contratación dun técnico ou técnica de xestión cultural para os concellos de Frades, Oroso, Tordoia e Trazo. O importe neste caso ascende a 15.000 € por parte da Deputación da Coruña a través de subvención.