Luns 19 de Novembro de 2018

A neve déixase ver en San Sadurniño e obriga a interromper o tráfico pesado na AG-64 durante case tres horas


Tal e como anunciaron os servizos de información meteorolóxica, a neve por fin se achegou á comarca. Fíxoo durante esta noite, caendo con certa forza preto do amencer. As zonas máis afectadas foron A Capela e As Pontes. A San Sadurniño tocoulle pouca pero, aínda así, a zona alta de Igrexafeita e Naraío tinguiuse de branco e mesmo foi necesario circular con precaución durante as primeiras horas da mañá en toda a área do Forgoselo e tamén na AC-861. A nevada tamén dificultou o tráfico rodado na AG-64. Cerca das 7 da mañá prohibiuse o tránsito de vehículos pesados á altura de Espiñaredo. A iso das 9.30h., tralo paso da máquina quitaneves, Tráfico permitiu que os camións detidos no arcén reanudasen a marcha.

En San Sadurniño a neve manchou a zona de Racamonde -en Naraío- e outros lugares de Igrexafeita que se estenden polas estribacións do Forgoselo -Soutullo, Os Gaiteiros, A Ermida, O Castro, etc.-. En Naraío non houbo problemas, pero si en Igrexafeita, especialmente na área limítrofe coas Pontes e coas Somozas. A primeiras horas a nevarada cubriu por completo as pistas, o que obrigou a extremar o coidado ao volante.

Na outra banda do val do Castro, as folerpas afectáronlle á AC-861 (a estrada das Pontes) dificultando a circulación desde O Outeiro -tamén en Igrexafeita- ata Espiñaredo. A capa era suficientemente grosa na Pena da Meda, na Toca e na Pena de Eiriz como para aconsellar a utilización de cadeas, xa que pasar dos 5 ou 10 quilómetros por hora supuña un auténtico risco.

Quen máis notou os problemas foi o tráfico pesado, sobre todo aquel que transporta carbón á central das Pontes. Na Pena de Eiriz un camión quedou atravesado na estrada bloqueando un carril co remolque, complicando aínda máis unha circulación xa de por si dificultosa nese lugar e tamén nas proximidades da rotonda de acceso á autovía, xa en Espiñaredo.

Nese punto, pero na AG-64, o tráfico para camións estivo cortado desde as 7 da mañá aproximadamente. Varias patrullas da Garda Civil de Tráfico regularon a circulación obrigando aos vehículos pesados a deterse á dereita da vía, de xeito que se chegou a formar unha ringleira próxima ao quilómetro de lonxitude. Mentres, os vehículos lixeiros puideron circular a velocidade reducida e extremando as precaucións. Os camións puideron continuar viaxe a partir das 9.30h., logo de que unha quitaneves despexase de neve e xeo a calzada.

Nestes momentos segue habendo precipitacións na zona, aínda que a intervalos cada vez maiores e con menor intensidade -o que cae é auganeve-. Se se cumpren as previsións, a partir do mediodía a pouca neve que queda empezará a desaparecer.