Sábado 18 de Agosto de 2018

O Concello de Lousame inviste 26.100 euros en dotar de aire acondicionado e encerado dixital ao Punto de Atención á Infancia


Coa subvención da Consellería de Política Social ampliouse tamén o chan de caucho no parque infantil, ao que se dotou de zona de sombra
O Concello de Lousame vén de investir 26.100 euros en varias melloras no equipamento do Punto de Atención á Infancia de Tállara, que conta con 20 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Unhas actuacións realizadas nas últimas semanas con cargo a unha subvención concedida pola Consellería de Política Social.

A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, explica que “grazas a unha subvención da Xunta puidemos dotar o PAI dun encerado dixital e dun equipo informático para que as mestras poidan presentar os seus contidos da clase dun xeito diferente e que está a gustarlles moito aos nenos e nenas”. Ademais, dotouse ao inmoble dun sistema de aire acondicionado, “que xa está a supoñer unha gran mellora nestes días de frío e que será especialmente ben recibido coa chegada da calor”, indica a concelleira de Ensino.

No exterior do inmoble, as melloras realizadas centráronse no parque infantil, onde o Concello de Lousame ampliou a todo o patio o chan de caucho compacto de cores que ata o de agora só estaba na zona de xogos. “Trátase dun pavimento moito máis duradeiro, limpo, hixiénico e seguro para os nenos e nenas”, explica Silvia Agrafojo, quen sinala que “ademais dotamos dunha zona de sombra a unha parte do patio, que estará separado da zona de xogos por un valado en cores. A idea é que se poidan facer actividades nese lugar e que serva como patio cuberto en días de choiva e tamén para protección contra o sol na primavera e no verán”.