Xoves 18 de Outubro de 2018

Dores Tembrás achégalle a poesía á rapazada do CPI de San Sadurniño


A escritora ofreceu dous obradoiros de creación literaria convidada pola Biblioteca municipal

A poeta Dores Tembrás volveu esta mañá a San Sadurniño para impartir dous obradoiros de creación literaria nos que participou alumnado de 6º de primaria e 1º da ESO do CPI. E dicimos “volveu” por dúas razóns: unha, porque Tembrás xa dirixiu aquí dous obradoiros similares hai uns meses e, outra, porque as súas raíces familiares están en Ferreira, lugar onde naceu o pai e onde se inspirou o seu primeiro poemario, “O pouso do fume”. Nesta ocasión Tembrás traballou coa mocidade convidándoa a reflexionar sobre como a poesía reflicte a realidade e a maneira en que a expresión poética tingue outras artes máis familiares para a xente nova.

Dores Tembrás forma parte da remesa de escritoras e escritores novos chamados a continuar co difícil labor de escribir poesía e de facelo, ademais, en galego. Tembrás é poeta e editora a través do proxecto O Apiario -en colaboración con Antía Otero- que tamén serve de plataforma para achegar o oficio da escrita a quen queira aprendelo e, principalmente, ás xeracións máis novas.

Dirixirse á rapazada para introducila no mundo da poesía é todo un reto que a autora e formadora asume empregando linguaxes que á cativería lles son familiares. Esta mañá ofreceu dúas sesións de dúas horas cada unha. Nas dúas repetiu o esquema de facer partícipes aos mozos e mozas da reflexión sobre as palabras, sobre a literatura e sobre o proceso creativo por medio dun descubrimento guiado que ela apoia no audiovisual e noutras artes.

O primeiro obradoiro, ao que asistiu o alumnado de 1º da ESO, Tembrás adentrouse no “traballo directo coa palabra”. Partindo dunha selección de medios: audiovisual, música, texto literario, etc., o obradoiro aproximouse ao poético “como un caleidoscopio que nos permita abordar algunhas ferramentas, recursos estilísticos e os seus efectos, para acabar construindo unha constelación propia e un texto individual”.

O segundo taller, denominado “Poesía + Graffiti”, enfocouse á rapazada de 6º de primaria. Nel o acceso á poesía fíxose desde as pintadas nas rúas e a súa linguaxe que, segundo Tembrás, a mocidade “manexa con naturalidade e coa que se identifican”. Na primeira parte os mozos e mozas analizaron coa axuda de Dores varias imaxes de graffitis tirando delas “algunhas figuras retóricas, pero tamén o espazo no que están feitas, e outras cuestións como grafías, a necesidade de brevidade, as constelacións poéticas, a precisión…”. O fin último da actividade é que a xente nova cree por si e por iso, ao final, a rapazada tivo que escribir un par de versos ilustrados cunha imaxe, “poñendo en práctica o que vimos con anterioridade”.

Os dous obradoiros ofrecidos ao longo desta mañá por Dores Tembrás forman parte da programación de animación á lectura e á creatividade literaria da Biblioteca municipal, en colaboración neste caso co CPI de San Sadurniño onde tamén se desenvolve durante todo o ano académico o reto lector “Lendo polos corredores. Un reto ao mes”. De cara a este 2018 a Biblioteca ten en marcha varias propostas que veñen complementar datas sinaladas como a das Letras Galegas ou o 23 de abril, Día do Libro. Unha delas é a “cita a cegas” cun libro, que se porá en marcha a semana que vén co gallo do San Valentín. Pero diso falaremos máis amplamente dentro duns días.