Sábado 18 de Agosto de 2018

Aberta a inscrición para participar na charla sobre as axudas do Programa Vivendas do Camiño


A Xunta destina 2,9 millóns de euros para a rehabilitación e mellora de edificios e vivendas. As persoas propietarias, comunidades e agrupacións poderán beneficiarse de ata 15.000 euros. Técnicos e expertos na materia informarán do procedemento e resolverán calquera dúbida que se formule
O Concello de Ordes vén de abrir o prazo para apuntarse á charla informativa sobre o Programa Vivendas do Camiño. Nela falarase extensamente e responderase a todas as dúbidas relacionadas coas subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago (Francés, da Prata, Inglés, Primitivo, Norte, Fisterra-Muxía e Portugués). A Xunta de Galicia destina preto de 2,9 millóns de euros no marco deste programa.

A convocatoria destas axudas no DOG ten data do 24 de xaneiro de 2018 (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180124/AnuncioG0423-040118-0003_gl.html), en relación á resolución do 27 de decembro de 2017, e englóbanse dentro do Programa de rexeneración e renovación urbanas da prórroga do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificadora e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016. O prazo para a presentación de solicitudes manterase aberto ata o próximo 31 de outubro de 2018.

Como máximo as persoas propietarias, comunidades de propietarios ou agrupacións de comunidades poden beneficiarse de ata 15.000 euros por vivenda. A dita contía destinarase á realización de obras de mantemento e melloras da eficiencia enerxética e das condicións de accesibilidade establecidas na normativa vixente. Nos concellos rurais as axudas son aplicables ás vivendas polas que pasa o Camiño de Santiago, mentres que nas conexións coas cidades e vilas limítase o ámbito exclusivamente ao trazado do Camiño. Non se poderán beneficiar as vivendas que figuren dentro dos ámbitos doutra Área de Rehabilitación Integral xa declarada.

Data e lugar
Ao longo das vindeiras semanas o Concello de Ordes informará da data e do lugar de celebración da charla. Para isto fará uso das canles informativas habituais (redes sociais, páxina web do Concello e da Mancomunidade de Ordes, e prensa escrita). Estará conducida por persoal e técnicos da Xunta de Galicia expertos na materia e será de balde para todas as persoas que asistan.