Venres 23 de Febreiro de 2018

Os hippys dánlle a saída ao Entroido de San Sadurniño


O pavillón municipal converteuse este mediodía nunha especie de Woodstock. Ducias de hippys con longas melenas e indumentarias da época do Flower power ateigaron a cancha para reivindicar o vigor do Entroido, a festa na que todas e todos aproveitamos para converternos noutra cousa distinta á que somos habitualmente. A temática elixida este ano polo profesorado foi precisamente esa, a do hippismo de finais dos 60 e principios dos 70 que quería cambiar a sociedade con mensaxes de Paz e Amor. Mestras, mestres e alumnado desde infantil ata o último curso de Primaria ataviáronse con toda a iconografía dese movemento: lentes redondos, pantalóns acampanados, chalecos, chapas co signo deseñado por Gerald Holtom, etc. A festa de Entroido do colexio -que contou con colaboración do Concello- foi o arranque oficial do tempo das máscaras, que en San Sadurniño se prolongará con distintas actividades até a semana que vén.

Alén de hippys, no Entroido do pavillón tamén puidemos ver cazadores, personaxes saídos do filme Grease, máscaras indefinidas das de toda a vida e mesmo un coche de rally con preparación Abarth, a mítica marca do alacrán que tantas alegrías deu nas competicións dos 70 e 80 montada en coches da Fiat e da Seat. Mesmo houbo dous percebes de grande tamaño, encargados de animar a festa con baile e cun obradoiro de globoflexia.

Ademais de bailar e de exhibir os seus traxes, a rapazada tamén puido saborear orellas e outras viandas entroideiras, aperitivo de varios días dedicados a andar de máscara por libre ou nalgún dos eventos que hai programados en toda a volta, tamén en San Sadurniño.

A área de Cultura organizou para a tarde deste sábado unha festa infantil que terá lugar no ximnasio do CPI a partir das 17.00h. animada por La GuaGua co seu “Cantabaila de Entroido”, que vén sendo un espectáculo musical pensado para que os nenos e nenas se divirtan brincando. A sesión complétase cun obradoiro de maquillaxe de fantasía, con camas elásticas e un grande castelo inchable.

Para esta festa de entroido infantil -dirixida a rapazada de 3 a 12 anos- non fai falla inscrición previa. Porén, onde si será necesario apuntarse será no obradoiro de fabricación de carautas que haberá o mércores 14 pola mañá -Mercores de Cinza e día non lectivo- como unha actividade a medio camiño entre a conciliación e o xogo. A rapazada aprenderá a facer máscaras con materiais reciclados como papel, cartolina e outras cousas ben baratas que sempre hai pola casa.

Trátase dun obradoiro gratuíto dirixido a nenas e nenos maiores de 4 anos. Hai un máximo de 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición acudindo á Casa da Cultura ou enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Aínda hai algunhas vacantes e o prazo para apuntarse finaliza o luns.

A seguinte parada entroideira será en Naraío o sábado 17 a partir das 20.00h. No local social da Veiga celebrarase o carnaval da Asociación Veciñal O Castelo, que este ano tirou por un novo formato xuntando as sesións da tarde e da noite nunha única proposta pensada para público familiar. Alí poderemos gozar do espectáculo participativo “Entroidanzas” do grupo Pesdelán. Será un baile de máscaras gratuíto e aberto a todas as idades no que esta formación nos ensinará os ritmos dos carnavales de moitas culturas, incluída a nosa. Desde O Castelo informan, ademais, que tan pronto como acabe Pesdelán, a asociación prolongará o baile até a medianoite con música discotequeira.