Xoves 18 de Outubro de 2018

Moeche finaliza as obras de reparación do Pavillón Municipal


Os traballos, cifrados en 94.500 euros, están financiados nun 80% pola Deputación da Coruña

O Concello acaba de recepcionar as obras de reparación do Pavillón Municipal de San Ramón tras tres meses de traballos centrados, principalmente, na substitución da cuberta. A existencia de goteiras e filtracións levou ao departamento de Obras a contratar un proxecto de reparación de todo o teito xunto con outros traballos de mellora do recinto. O contrato, adxudicado en algo máis de 94.500 euros á empresa Alvaré y Llago S.L., contou con finanzamento da Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración co ente municipal.

A maior parte do traballo ocupouse de restaurar por completo a cuberta do pavillón con paneis tipo “sandwich” entre os que se intercalaron pranchas translúcidas que aproveitan mellor a luz natural. Ademais tamén se cambiaron os petos metálicos laterais e frontais e instalouse un sistema de drenaxe máis efectivo, con novos canalóns e baixantes.

Desde 1995 -ano en que abriron as instalacións- só se fixeran pequenos labores de mantemento que, malia todo, nos últimos anos xa non eran suficientes para frear a entrada de auga e as filtracións nos días de chuvia. “Tiñamos dúas opcións: seguir parcheando ou solucionar o problema de raíz. Aínda que supuña un investimento importante optamos pola segunda opción e confiamos en que a nova cuberta dure tantos anos ou máis que a vella.”, comenta Beatriz Bascoy.

Porén, xa metido en obras, o Concello tamén decidiu incluír no proxecto outros labores “moi urxentes” de mantemento nas dependencias anexas á nave principal, onde se encontran os baños, a zona de duchas e outras estancias. Neste capítulo entrou a reparación e pintado dos tabiques, a renovación completa da fontanería -incluídas billas, pratos de ducha e sanitarios- e o cambio de varias portas por outras novas, tanto no interior como nos accesos principais.

Ademais destes traballos de rehabilitación, tamén se acometeron outras intervencións, como foi a substitución dunha das caldeiras, o repintado do zócolo perimetral da polideportiva e o pintado exterior de todo o pavillón, que agora loce dúas tonalidades de verde, a cor corporativa do Concello de Moeche.

O proxecto, financiado nun 80% pola Deputación da Coruña a través dun convenio de colaboración suscrito en 2017, sacouse a contratación por un importe de 104.986,15€. Como adxudicataria resultou a empresa Alvaré y Llago S.L., que presentou unha oferta de 94.582,12 -ive incluído- e o compromiso de executar as obras no prazo de tres meses. Un prazo que se superou nalgúns días a maiores debido en parte aos temporais que azoutaron a comarca nos últimos días de decembro.

En calquera caso, o Pavillón Municipal de Moeche está de novo en funcionamento. De feito leva algúns días usándose e a rapazada do CEIP incluso puido celebrar alí o seu Entroido. “O pavillón é un dos principais referentes sociais do concello. É unha das instalacións que máis se utiliza e facíalle moita falta un repaso en profundidade para que estivese nas condicións axeitadas. Agora está listo e esperemos que para moito tempo”, comenta a alcaldesa.

A comunidade educativa do CEIP San Ramón emprega o pavillón como espazo no que se imparten as clases de Educación Física e as actividades extraescolares de kárate e patinaxe. O recinto tamén acolle as escolas municipais para persoas adultas -zumba e spinning- e o programa de fitness Movémonos, ademais dos adestramentos dos grupos afeccionados de fútbol.