Martes 19 de Xuño de 2018

A Xunta aposta pola formación no eido do tempo libre xuvenil durante a entrega de diplomas do curso da escola Eduardo Pondal


Esta acción formativa desenvolveuse o ano pasado e nela participaron 21 mozos e mozas que adquiriron coñecementos en materia de psicosocioloxía, principios educativos, educación para a saúde e primeiros auxilios ou lexislación entre outros

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu á entrega de diplomas do curso de monitores de tempo libre que organiza a escola de tempo libre Eduardo Pondal en Ponteceso (A Coruña) e no que participaron 21 mozos e mozas.

Grazas a esta actividade formativa, os participantes contan coa titulación de monitores de actividades de tempo libre expedida e homologada pola Xunta de Galicia e, como lembrou a directora xeral, a superación do mesmo permite que os alumnos posúan un título de educación secundaria ou superior, acceder a un segundo nivel de formación como director/a de actividades de tempo libre e, posteriormente, á especialización de director/a de campos de traballo.

Durante o transcurso desta actividade formativa –que se desenvolveu entre xaneiro e setembro do ano 2017- os participantes adquiriron coñecementos que van desde a psicosocioloxía, principios educativos, educación para a saúde e primeiros auxilios ou lexislación entre outros. O curso contou cunha fase teórico-práctica de 200 horas lectivas e outra práctica de 14 días de actividade nun campamento, ou de 150 horas de actividade periódica nunha entidade que traballe no eido.

A Xunta de Galicia, expide as titulacións oficiais de directores e monitores de tempo libre e de campos de traballo, acreditando o labor das 78 escolas de tempo libre que a día de hoxe figuran no Rexistro de escolas de tempo libre da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Nos anos 2016 e 2017 expedíronse 3418 títulos entre monitores de tempo libre, directores de tempo libre e directores de campos de traballo, cifras que dan conta da importancia do labor educativo e profesional desenvolto en Galicia neste ámbito.

As escolas de tempo libre constitúen un referente histórico na formación dos profesionais do tempo libre, perseguindo non só a capacitación das persoas como educadores senón impulsadas durante anos por motivacións como a de formar persoas participativas e solidarias.

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia está a traballar na elaboración dunha nova normativa en materia de xuventude que dea resposta a moitas necesidades e demandas que se presentan na actualidade neste ámbito e que vai abordar, ademais da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil a regulación da información, actividades e instalacións xuvenís, así como os carnés de servizos á xuventude.