Mércores 11 de Decembro de 2019

O programa para persoas maiores “Tardes Activas” inicia os seus obradoiros itinerantes ao longo desta semana


Tardes Activas é un proxecto incluído no programa de Envellecemento activo que vén desenvolvendo a Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene, co obxectivo de que as persoas que xa están na madureza poidan encher parte do seu tempo libre con actividades encamiñadas a manter esperta a cabeza. O programa é itinerante e prolongarase desde esta semana até o mes de decembro con propostas centradas na memoria, pero tamén no coñecemento do municipio, xa que nun dos obradoiros os avós e avoas deseñarán rutas turísticas que despois percorrerán facendo de guías para o alumnado dos centros de ensino. Todas as sesións irán comezando nos distintos locais sociais do territorio durante esta semana.

As Tardes Activas están estruturadas en catro obradoiros distintos pero moi relacionados entre si aos que as persoas interesadas poderán acudir indistintamente, incluso aínda que non pertenzan á parroquia onde se impartan.

Así, existe a opción de acudir a actividades de activación da memoria especialmente recomendables para persoas que teñen esquecementos cotiás. Situacións como saber onde se deixaron as chaves ou como se chamaba tal ou cal persoa que denotan falla de exercicio cerebral e que, en cambio, se poden revertir traballando a atención, a estimulación visual, a coordinación, facendo pasatempos, cálculos ou simplemente falando con outras persoas máis a miúdo.

Este obradoiro impartirase os luns desde este 19 de febreiro en Limodre -18 a 19.30h.- e tamén os martes a partir do do 20 de febreiro no CPS de San Valentín en horario de 16.45 a 18.15h.

Outra actividade que se propón é Recordando o noso, consistente en traballar as diferentes funcións cognitivas a través da rememoración de vivencias. Un exercicio que, ademais, tamén servirá para darlle contido á Escola de Avós e Avoas, onde as persoas participantes deseñarán rutas turísticas por distintos puntos de interese do territorio. Unha vez preparados os itinerarios, as avoas e os avós farán saídas co alumnado dos centros de ensino descubríndolles historias e lugares de Fene que quizais descoñecían.

As sesións de Recordando o noso desenvolveranse desde este martes no local da SCRD Agarimo de Sillobre -18.30 a 20.00h.-. Os mércores tocaralle ao CMI Unidade de Fene e ao CCRD Perlío – de 16.30 a 18.00h. nos dous sitios-, xunto coa Liga de Amigos de Barallobre, onde o obradoiro terá lugar no local da entidade de 18.15 a 19.45h. Os venres a partir do de esta semana os encontros celebraranse na ACRD O Pote de Maniños de 17.00 a 18.30h. e no local da AVV San Xurxo de Magalofes entre as 19.00 e as 20.30h.

A terceira proposta do programa Tardes activas é o obradoiro de Recuperación de memoria, no que se xa se están realizando desde o pasado 18 de xaneiror actividades grupais encamiñadas a mellorar tanto a capacidade para acordarse das cousas como a orientación e a atención, co obxectivo de manter a raia ou retrasar a aparición de demencias. Neste caso os encontros son todos os xoves de 16.30 a 18.00h no Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín.

Para cada unha destas actividades ofértanse entre 10 e 15 prazas por grupo, agás para o obradoiro de recuperación de memoria, que só dispón de 12. Estas prazas cubriranse por orde de inscrición, que deberá formalizarse no Centro Municipal de Servizos Sociais en San Valentín -Avda. do Mar B1, baixo- ou cubrindo as follas dispoñibles en cada local social onde se celebran as actividades. Hai máis información nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607, ou ben no correo servizos.sociais@fene.gal.