Martes 17 de Setembro de 2019

Participación de Andaina Pro Saúde Mental no IV Congreso FEAFES Emprego


Nazaré Da Vila, coordinadora da asociación, compartiu a súa experiencia dentro do programa Escola de Emprendemento Social, e falou sobre o centro especial de emprego para elaboración de sidra e zume creado en Dodro

Andaina Pro Saúde Mental vén de participar no IV Congreso Feafes Emprego. Empregando Saúde Mental: reto 50% emprego. A coordinadora Nazaré Da Vila Posada foi a encargada de representar á asociación na mesa de traballo que abordou o tema da escola de emprendemento social.
Da Vila compartiu con todas e todos os presentes o proceso de creación de Andaina PSM Emprego S.L.U., empresa a través da que comercializan os seus produtos artesanais e ecolóxicos de elaboración propia que inclúen sidra e zume de arandos entre outros. A través do seu centro ocupacional de emprego, situado nas instalacións de Dodro, impártense cursos de emprendemento social, como de manipulación de alimentos ou cultivo, á par que a dita actividade serve de terapia e formación para os seus usuarios e usuarias baixo a tutela de profesionais.

Outro dos aspectos no que Nazaré Da Vila centrou a súa intervención foi o proxecto pioneiro Escola de Emprendemento Social da que Andaina PSM formou parte nesta primeira edición. Unha experiencia xeradora de emprego a través da formación de profesionais para a xestión de centros especiais de emprego de iniciativa social. Un proxecto que conta co aval da Fundación Emprego e Saúde Mental e que se executa a través dun convenio con Tándem Social e o apoio de FEAFES Emprego.
“A día de hoxe hai xa tres rapaces contratados, con previsión de que ao longo de 2018 aumente a distribución da produción e poidamos aumentar o número noutras tres mulleres, respondendo aos parámetros da discriminación positiva de xénero”, indica Nazaré Da Vila. “Existe o estigma social sobre a enfermidade mental e é moi importante que todas estas persoas atopen un lugar onde se lles diga que son capaces. Sentirse satisfeito e realizado no traballo é un paso previo para unha reinserción plena e real. Precisamente a actividade, a acción e a motivación son as que marcan o valor das persoas. Neste eido tamén é fundamental o grupo e a integración dentro del, xa que en todo este proceso a socialización é outro dos piares fundamentais”.
Vantaxes e pedidos
Outras das vantaxes que supón a compra destes produtos naturais é a de colaborar cun proxecto social a favor da integración laboral das persoas con enfermidade mental, a dinamización do rural e a conservación da natureza. A tramitación de pedidos pódese realizar a través do correo electrónico andainapsm@gmail.com ou ben chamando aos teléfonos 650270824 / 981802078 / 660832527.