Luns 10 de Decembro de 2018

O IES A Cachada de Boiro participa no programa de prevención do consumo de alcol da Consellería de Sanidade “Apuntámonos a non beber!!!”


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o centro e animou aos alumnos a transformase en líderes que poidan axudar a previr o consumo de alcol entre os seus compañeiros
Un total de 104 alumnos e alumnas de cinco aulas de 1º da ESO do IES Plurilingüe Cachada de Boiro participan no programa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, “Apuntámonos a non beber!!!”, o que conforma o grupo máis numeroso dos oito centros educativos de Galicia que participan nesta iniciativa.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, visitou hoxe aos alumnos e alumnas, e recordou que “os mozos e mozas sodes os que mellor podedes influír nos vosos propios compañeiros para evitar o consumo de alcol, polo que vos animo a que vos transformedes en líderes que traballen en previr comportamentos que poden afectar seriamente á súa saúde”. Neste senso, Ovidio Rodeiro recordou que, se ben a idade legal para o consumo de alcol é os 18 anos, “a evidencia científica nos certifica que o proceso madurativo do cerebro non remata ata os 21 nas mozas e os 23 nos mozos, tendo consecuencias moi negativas o consumo dunha substancia psicoactiva e tóxica como é o alcohol”.

O programa levarase a cabo durante os dous trimestres restantes do curso escolar e consta de tres fases. Na primeira haberá unha formación inicial na que se tratarán temas relativos á prevención, o que é unha dependencia e mitos sobre o consumo de alcohol. Na segunda fase traballarase sobre diferentes anuncios publicitarios de bebidas alcohólicas para analizalos de forma crítica e coñecer as estratexias que emprega a industria para captar aos consumidores. Por último, na terceira fase o alumnado realizará unha campaña de contrapublicidade dalgún produto alcohólico ou ben fará unha análise crítica dunha campaña publicitaria dalgún produto xa comercializado.

Os obxectivos específicos do programa son atrasar a idade de inicio do consumo de alcohol na adolescencia, potenciar as habilidades para saber dicir que non ante as presións grupais, reforzar as accións preventivas e potenciar o traballo en grupo na realización das actividades para favorecer a introdución de hábitos de vida saudables.

Ademais esta campaña tamén busca que os rapaces coñezan os mitos sobre o consumo de alcohol, que desnormalicen a conduta de consumir alcohol e que coñezan a relación existente entre a normalización do consumo e a publicidade.