Martes 20 de Novembro de 2018

A Deputación e os concellos do Ortegal suscriben o convenio para impulsar o xeoparque


A sala de comisións da Deputación da Coruña acolleu esta mañá o acto protocolario de sinatura do convenio de colaboración entre o organismo provincial e os sete municipios que abrangue o complexo xeolóxico do Cabo Ortegal. O acordo ten como finalidade impulsar a candidatura da zona como Xeoparque Global da UNESCO, unha figura de recoñecemento internacional que vencella o turismo e o desenvolvemento local ao valor xeolóxico dunha área determinada. A través do convenio suscrito entre a Deputación e os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño coordinarase tanto a preparación da candidatura como as actuacións previstas no territorio, que se financiarán cunha achega provincial de 500.000 euros. A primeira que se prevé levar adiante é a licitación do Plan Director que sustentará toda a estratexia, coas miras postas en poder presentarllo á UNESCO a primeiros do ano que vén.

A través da área de Plans, Turismo e Patrimonio histórico inxectaranse no proxecto 500.000 euros para levar a cabo as actuacións que sustenten a candidatura. O convenio rubricado esta mañá por Valentín González e os seis alcaldes e maila alcaldesa de Moeche marca, ademais, as pautas da colaboración cos municipios e a creación dunha comunidade intermunicipal que permita a xestión conxunta do proxecto.

Será un espazo virtual Deputación-concellos que non contará con personalidade xurídica propia, aínda que si disporá de medios técnicos achegados por cada organismo e estará dirixida por un consello do que formarán parte dous representantes de cada administración. A vixencia do acordo é por un período inicial de 4 anos prorrogables e a presidencia será rotatoria anualmente.

O responsable provincial, Xosé Regueira explica que o primeiro paso consistirá na creación dese comité de dirección que se reunirá por primeira vez “no prazo dun mes”. Regueira sinala que a maior prioridade -e tamén a máis urxente- é “sacar adiante o Plan estratéxico que nos marque o camiño a seguir que se lle terá que trasladar logo á UNESCO para a declaración oficial do Xeoparque”. O titular da área de Plans Turismo e Patrimonio engade que dentro do programa de actuacións inmediatas tamén se encontran “a campaña de divulgación dos valores xeolóxicos, un plan de sinalización e accións de consolidación na sociedade do que se vai facer e do que vai significar o xeoparque para a zona”. A este respecto, Deputación e concellos teñen previsto deseñar “un plan de comunicación, un plan de sensibilización e mesas de discusión cos actores principais, entre eles o turístico, a comunidade educativa e científica e a propia veciñanza”.

A UNESCO non outorga a distinción de Xeoparque Global a partir dun programa escrito, senón que para presentar unha candidatura fai falla levar a cabo investimentos e actuacións que, posteriormente, son verificados pola organización dependente das Nacións Unidas. É máis, antes de chegar sequera á UNESCO é necesario que a candidatura pase polo filtro do Comité Español de Xeoparques, que só admite dúas propostas por ano e sempre que os proxectos reunan suficientes condicións de solvencia técnica.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, ve factible poder presentar a candidatura á volta dun ano. Porén, para iso “agora toca traballar e non perder moito o tempo. O primeiro que se vai facer é sacar a licitación do Plan Director, que vai ser a guía para presentar a candidatura, previsiblemente a primeiros do ano que vén. En paralelo os concellos temos que facer divulgación da figura do xeoparque e do proxecto. O patrimonio natural xa o temos, o que hai que facer é coidalo, non intervir moito sobre del, adecentalo, facer uns bos accesos e pouco máis. Do que se trata é de divulgar, de dar a coñecer o noso patrimonio, a cultura, aproveitar os recursos que temos -o valor turístico, a hostalaría, as empresas…- e facer con todo un traballo de impulso”.

Na mesma liña tamén se pronunciou o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, quen incide en que a solicitude á UNESCO “ten que ir acompañada de traballo previos”, que en boa medida xa están adiantados polo labor desenvolvido nos últimos anos por xente como o xeólogo Fran Canosa e a Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal. “En todos os concellos xa hai rutas, todos os concellos estamos poñendo en valor estes elementos para que axuden na valoración”, asegurou García. O alcalde volveu insistir en que a declaración do xeoparque “non leva aparellado ningún nivel de protección sobre o solo. O único que fai é recoñecer as potencialidades xeolóxicas que ten un determinado territorio e aproveitar ese factor para promocionar o turismo nese espazo”.

Sobre as actuacións concretas, Xosé Regueira fala de intervencións físicas consistentes unicamente en mellorar a accesibilidade aos recursos e na súa sinalización. “Non está contemplada obra pública nin infraestruturas de grande nivel, senón que se pretende darlle consistencia científica á declaración e concibir o territorio coma un todo no que xurdan iniciativas turísticas satisfactorias para todos os sectores implicados”.

Un patrimonio único no mundo
O Complexo do Cabo Ortegal abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. A nosa zona conta con praias de area vermella, raras praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Estes valores son os que se poñen en valor a través dos parques xeolóxicos, cos que se pretende que o atractivo de rochas e formacións minerais sexa un aliado do desenvolvemento do territorio como un elemento máis que tire polo turismo, tanto xeral como especializado. No mundo existen actualmente 119 xeoparques e en Europa 63, dos que 11 están en España trala recente incorporación da zona leonesa de Las Loras.