Martes 19 de Xuño de 2018

Inspectores de Saúde Pública garanten a diario as condicións sanitarias do peixe e do marisco que se subasta na lonxa de Ribeira


O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as dependencias e destacou que, ademais de velar polas condicións sanitarias, a inspección tamén certifica a trazabilidade do produto
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu as particularidades do servizo de control sanitario da lonxa de Ribeira, que está asignado aos inspectores veterinarios de Saúde Pública, que dependen da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade na Coruña. Con carácter diario un inspector está permanentemente destinado na lonxa, se ben pode recibir o apoio puntual doutros tres compañeiros.

Ovidio Rodeiro definiu este servizo como “esencial, non só para garantir a protección da saúde das persoas en relación cos alimentos, se non tamén para certificar a trazabilidade dos produtos de calidade que se poxan na lonxa de Ribeira, o que tamén beneficia aos profesionais do mar”.

Os servizos de Inspección de Saúde Pública da Consellería de Sanidade son os que teñen as competencias para garantir que os alimentos cheguen ao consumidor como produtos seguros, polo que o seu traballo afecta a todas as da produción, transformación e distribución dos alimentos. Nas inspeccións contrólanse, en termos xerais, as autorizacións sanitarias, as condicións estruturais e hixiénicas, a orixe das materias primas, a trazabilidade e a manipulación de alimentos.

A lonxa de Ribeira é a terceira máis importante de Galicia en número de quilogramos de produto poxados, só por detrás das da Coruña e Vigo. Tamén é a lonxa cun maior crecemento dos últimos cinco anos, cun 25% de suba, acadando en 2017 preto de 42 toneladas vendidas, todas elas de pescados e mariscos frescos do día e case na súa totalidade da flota de baixura das Rías Baixas.