Sábado 15 de Decembro de 2018

O Centro Lustres Rivas amosará unha exposición de escultura de Antonio Souto


O Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira vai albergar a partir do venres 2 de marzo unha nova exposición titulada “Tubos Animados”, do artista ourensán Antonio Souto. A inauguración será ese día ás 21 horas.

Antonio Souto nace en Ourense en 1959. Arquitecto de formación académica, achégase ao mundo da escultura atraído polos misterios do espazo e a necesidade de xerar e tocar a materia coas súas propias mans.

Nesta exposición titulada “Tubos Animados” amosa unha selección de 20 pezas realizadas con materiais pesados como o ferro ou o aceiro, moitas delas obras escultóricas con xogos de volumes e atmosferas entrelazadas con referencias á arquitectura.

A súa obra desenvólvese fundamentalmente a partir da deformación dunha pel, envoltura, cáscara, etc. Segundo o artista, “a pel é ese territorio que nos conforma, e que debuxa o límite máis ou menos impreciso entre o que nos pasa por dentro e o que sucede fóra. No proceso de deformación aparecen gretas, a fragmentación, o movemento e o tempo. Materia e baleiro que se mesturan formando un continuo. As obras son un momento neste proceso. Obxectos nados do movemento, como forzas contidas en constante diálogo polo que permanece quedo. Afortunadamente as cousas non son sempre o que parecen, pero case sempre se acaban parecendo ao que son.”

A mostra permanecerá ata o 21 de marzo.