Martes 18 de Setembro de 2018

O alcalde de Frades celebra a aprobación do proxecto de arranxo das beirarrúas entre o colexio e o núcleo de Ponte Carreira


Roberto Rey agradece que a Deputación dea cumprimento a unha vella demanda do Concello de Frades porque “se trata dunha zona de moito tránsito peonil xa que une o núcleo de Ponte Carreira co colexio, o pavillón municipal e a igrexa parroquial”

O alcalde de Frades, Roberto Rey, celebra a aprobación do proxecto de arranxo das beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio, orzamentado en 198.734,29 e que foi aprobado onte polo pleno da Deputación Provincial da Coruña. Rey Martínez agradece que a Deputación dea cumprimento a unha vella demanda do Concello de Frades porque “se trata dunha zona de moito tránsito peonil xa que une o núcleo de Ponte Carreira co colexio, co pavillón municipal e coa igrexa parroquial”.

Unhas obras que o Concello de Frades leva tempo demandando e que foron o tema central da última reunión do alcalde fradense co presidente provincial, Valentín González Formoso, celebrada en xuño de 2016. Rey indica que “se trata dun tramo de beirarrúas que se atopa moi deteriorado e que o presidente se comprometera a estudar hai dous anos, polo que agradecemos que finalmente sexa unha realidade”.

O proxecto inclúe a reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e a zona na que se emprazan o colexio, o polideportivo municipal e a igrexa parroquial da localidade, á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira. O proxecto inclúe tamén a mellora da contorna, coa colocación de 19 alcorques para acoller árbores, a canalización do alumeado público e a instalación dunha varanda metálica de 346 metros, para mellorar a seguridade dos peóns, en especial dos moitos nenos e nenas que empregan a diario estas beirarrúas.