Venres 16 de Abril de 2021

Igualdade destaca que a atención dos menores vítimas da violencia machista é unha das prioridades do Goberno galego


634 nenos e nenas participaron no Programa de atencións psicolóxica da Xunta e 1.043 pasaron polos centros das Rede galega de acollemento

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na clausura dunha xornada formativa sobre “A incidencia nos menores da violencia no contorno familiar”, que organizou o Valedor do Pobo en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, a secretaria xeral destacou que os nenos e nenas vítimas da violencia de xénero son agora unha prioridade para o Goberno galego, xa que se trata do colectivo máis vulnerable e que durante anos sufriu un grave problema de invisibilidade.

Por iso, a Secretaría Xeral da Igualdade considera de especial interese o desenvolvemento de programas específicos e especializados dirixidos a estes menores; así como seguir traballando na mellora dos mecanismos de asistencia, atención e protección deste colectivo.

Atención psicolóxica a máis de 600 menores
López Abella explicou que a Xunta conta xa con varios programas específicos e recursos nesta liña; como o programa de atención psicolóxica en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que desde 2009 leva atendidos a 634 nenos e nenas.

Ademais, a Comunidade galega conta cunha Rede de acollemento composta por cinco casas de acollida nas cidades de Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense; e o Centro de Emerxencias de Vigo, o CEMVI, polos que pasaron 1.043 menores desde o ano 2006.

Tamén no Centro de Recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, que abriu as súas portas en xuño deste ano, traballase de maneira directa cos fillos e fillas das vítimas. Nas áreas de intervención con estes, realízase unha distinción de poboación-diana en función da idade e do tipo de violencia sufrida. Cada menor usuario do CRI –ao igual que se fai coas mulleres- contará cun Plan de Atención Individualizada (PAI), que servirá de guía durante toda a intervención.

Artes plásticas contra o maltrato
En canto aos programas específicos para menores expostos a situacións de violencia de xénero, o ano pasado Igualdade desenvolveu unha terapia de intervención a través de obradoiros de artes plásticas e un programa de intervención dirixido a atención especializada destes menores, en colaboración coa Fundación Meniños.

A primeira actividade ofertouse a través da Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, xurdida grazas á colaboración da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias. En total participaron 30 concellos das catro provincias galegas e 631 nenos e nenas.

Os obradoiros estaban orientados a eliminar riscos cognitivos e de embotamento afectivo dos menores vítimas da violencia directa ou indirectamente, así como mellorar a súa capacidade de autocontrol e de xestión das frustracións a través do emprego das artes plásticas e do xogo como recurso.

Pola súa banda, o programa de intervención da Fundación Meniños tiña como finalidade actuar sobre as necesidades fundamentais dos nenos/as e adolescentes que sufriron de maneira directa ou indirecta a violencia de xénero promovendo a súa recuperación e benestar psicosocial.