Luns 18 de Xuño de 2018

Los Pilotos e Aries inauguran a segunda edición do ciclo Compostela conversa


Compostela Conversa é un ciclo de carácter único que busca unir a artistas de prestixio a través de fíos comúns e unha sesión de dobre concerto. A próxima cita terá lugar o 17 de marzo no Auditorio de Galicia

Los Pilotos, a banda de Banin e Floren de Los Planetas, que se atopan mergullados no lanzamento do seu novo disco, e Aries, alter ego de Isa Fernández, que segue a deleitarnos co seu fantástico Adieu or Die, serán os protagonistas de abrir a segunda edición de Compostela Conversa.

Compostela Conversa é un ciclo de carácter único que achega o traballo de artistas a través de fíos comúns non sempre visibles. Con Isa, Banin e Floren falaremos, entre outras cousas, de creación musical: autocoñecemento, recoñecemento e necesidade de novos espazos; DIY vs. industria; entorno urbano vs. entorno rural; centro e periferia; a electrónica na creación de historias, a importancia da imaxe. A conversa estará moderada por Cristina V Miranda, directora artística do ciclo.

O prato forte da sesión será cada un dos concertos que poderemos gozar, nunha sesión dobre dificilmente repetible que promete vir cargada de emoción e novos sons por explorar.

Los Pilotos chegan a Santiago en pleno lanzamento de ‘Alianza Atlántica’, un disco concibido a partir das súas experiencias e intercambios en América Latina e que conta coa participación nas voces de artistas latinoamericanos como Camilo Lara de Instituto Mexicano del Sonido, o arxentino Diosque e Javiera Mena e Mariana Montenegro del dúo Dënver, de Chile.
Pola súa parte, Aries inundará o Auditorio de Galicia cos sons curativos de ‘Adieu or Die’, unha excursión electrónica a través de pop repleto de harmonías, ritmos trotóns e sons relucentes.
Esta cita para poder ver a Los Pilotos e Aries en directo terá lugar o próximo 17 de marzo no Auditorio de Galicia. Ás 19.30 terá lugar a conversa na que o público poderá achegarse a debater con Floren, Banin e Aries e a partir das 20.30 darán comezo os concertos.

As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado, + días de evento, de 18 a 21 h), no 981 910 522, en entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o día do concerto desde as 18.00 h.

LOS PILOTOS

Polo seu traballo en Los Planetas, Banin e Floren son chamados a forza aérea do grupo, polos arranxos expansivos e flotantes que fan con teclados e guitarra respectivamente. Nos seus dous primeiros discos instrumentais, ‘Los Pilotos’ e ‘El regreso de Logan’ construíron paisaxes hipervisuais, mediante a combinación de texturas electrónicas e orgánicas na súa música. En 2018 Los Pilotos van a por máis e no seu novo traballo a viaxe metafórica vólvese un pouco máis literal, xa que ten sido concibido a partir das súas experiencias e intercambios en América Latina. A través das súas múltiples exploracións transatlánticas, Floren e Banin teñen coñecido a artistas que lles mostraron unha escena musical moi viva, pola que senten admiración e así o queren reivindicar neste proxecto. Como resultado, un voo do que nunca quereremos aterrar.

ARIES

Aries chega ao Auditorio de Galicia para deleitarnos doutra volta con Adieu or Die, Un disco valente, composto e interpretado íntegramente por ela, en castelán e que non esquiva certa experimentación. Unha pequena obra mestra de artesanía pop que entrelaza tradicións musicais clásicas e modernas con unha soltura e un frescor difíciles de encontrar.

Adieu or Die pódese entender como unha viaxe interior na que “una persona se desintegra, mientras el mundo se desintegra a su alrededor”, en palabras da mesma Isabel Fernández Reviriego. Unha patada aos problemas diarios que toma como punto de impulso aquelas cousas que aínda nos fan pelexar. Por iso este é un disco alegre, que aínda que transpire melancolía non se afunde na tristeza impostada. Unha excursión electrónica única.