Martes 18 de Setembro de 2018

O alumnado do CPI Ponte Carreira participa en “Retrato de Muller”, unha iniciativa para poñer en valor a figura da muller na historia


O Concello de Frades organizará unha exposición cos traballos, dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller

O Concello de Frades vén de poñer en marcha “Retrato de Muller”, unha iniciativa para poñer en valor a figura da muller na nosa historia actual e pasada que se desenvolverá ao longo da próxima semana no CPI Ponte Carreira. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, e a traballadora social, María Villasenín, presentaron esta proposta no colexio que “parte da filosofía de implicar á comunidade educativa na participación dos actos conmemorativos que dende o Concello estamos a poñer en marcha co gallo do Día Internacional da Muller”, explica Ferreiro Marzoa.

“Retrato de muller” pretende que o alumnado reflexione sobre o papel que xogan as mulleres no desenvolvemento da súa propia comunidade e o reflexen nunha plantilla proporcionada polo Concello de Frades. Deste xeito, o alumnado de educación infantil e primaria contará cunha semana para plasmar na plantilla unha foto dunha muller relevante, segundo os seus propios criterios, explicando cunha palabra ou frase o por que desa elección.

Con todo este material, o Concello de Frades organizará unha exposición que se poderá visitar no propio CPI Ponte Carreira o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a modo de homenaxe a cada unha das mulleres seleccionadas polo alumnado. Entre todas as propostas, premiaranse aquelas que, por adecuación e pertinencia, mellor se enmarquen dentro dos actos de conmemoración do 8 de marzo, atendendo aos grupos de idade participantes.