Mércores 20 de Xuño de 2018

O Concello de San Sadurniño repara a pista multixogos do colexio


A nova cancha acollerá varios encontros do IX Tetramaratón de San Sadurniño que se disputará o 29 de marzo, Xoves Santo

O CPI de San Sadurniño conta desde hai uns días con novo céspede artificial na súa pista multixogos. O uso intensivo ao que o somete a rapazada obrigou a retirar a antiga alfombra para substituíla por outra, cun custe de 5.320 euros. Dos traballos encargouse a empresa Mecano Sport, que achegou a oferta máis barata das tres solicitadas polo Concello. Estaba previsto facer a obra durante as vacacións do Nadal. Porén, o encadeamento de temporais obrigou a ir pospoñéndoa ata que, finalmente, puido executarse a semana pasada. As principais usuarias serán as nenas e nenos do colexio, aínda que a pista tamén se emprega para outras actividades, como por exemplo o tradicional tetramaratón que se desenvolve nas vacacións de Semana Santa. Por certo, o prazo para a inscrición de equipos xa está aberto.

A novena edición do Tetramaratón de San Sadurniño terá lugar o xoves 29 de marzo no pavillón municipal e nas pistas polideportivas do cpi. Unha cita na que poderán participar persoas maiores de 15 anos agrupadas en equipos reducidos masculinos, femininos ou mixtos que xogarán a volei, fútbol sala, baloncesto e hóckey. A inscrición é gratuíta.

Os encontros comezarán ás 9.30h. e desenvolveranse durante toda a mañá con cruzamentos nas catro disciplinas, adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos. De feito, as formacións terán que ter un mínimo de cinco deportistas e un máximo de seis.

O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple.

No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de catro contra catro tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckey o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.

Cada partido gañado serán dous puntos, mentres que o empate valerá un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.

Quen participe recibirá unha camiseta como agasallo. Tamén haberá trofeos para o equipo campión, para o subcampión e para a formación que mostre un xogo máis limpo e deportivo durante o tetramaratón.

Os equipos teñen ata o día 26 de marzo para inscribirse na competición. Poden facelo directamente na Casa da Cultura ou enviando a ficha cuberta a agustin.perez@sansadurnino.gal. O sorteo dos emparellamentos efectuarase o día 27 ás 13.30h. Na organización colaboran coa Concellaría de Cultura e Deportes o Aldebarán de volei, o CF San Sadurniño e a Deputación da Coruña.

Novo céspede na pista multixogos
Os partidos de volei e baloncesto xogaranse no pavillón municipal, mentres que os de fútbol sala e hóckey terán lugar nas pistas que hai diante do colexio público. No caso do hóckey os equipos case estrearán o novo céspede artificial da cancha multixogos, na que o Concello acaba de investir algo máis de 5.000 euros substituíndo a alfombra sintética por outra de maior calidade e duración.

Son 225 m² de manto de polietileno e polipropileno lastrado cunha textura máis mesta e fíos de menor lonxitude que os empregados no campo de fútbol de Currás. O céspede está pensado para soportar o uso intensivo escolar durante os próximos anos e tamén o uso esporádico que se produce nas tardes sen clases e nas fins de semana, cando o complexo deportivo do centro de ensino está aberto para o público en xeral.

Información descargable