Sábado 15 de Decembro de 2018

A directora xeral de Igualdade asiste en Ordes á presentación da nova app ‘Concecta CIM’


A nova ferramenta deseñada polo CIM da Mancomunidade de Ordes permite o contacto directo e continuado entre as usuarias e as profesionais do centro, ademais de facilitar os procesos de cada fase de xestión, entre outras ventaxas
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes presentou hoxe a súa nova aplicación móbil Conecta CIM. Unha nova ferramenta coa que as mulleres e usuarias do centro poderán conectar cos profesionais e acceder a moi diversa información. Este proxecto acadou no ano 2016 o primeiro Premio Coopera Galicia a entidades locais, outorgado pola Xunta de Galicia.

O acto estivo encabezado pola directora xeral de Igualdade, Susana López Abella, ademais de polo presidente da Mancomunidade de Ordes e a directora do CIM comarcal, Roberto Rey e Nazaret González. Tamén estiveron presentes o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e as concelleiras María Viqueira e Cristna Capelán (Cerceda), Inés Santos (Tordoia), Susana García (Ordes), Maria del Carmen Liste (Oroso) e Pilar Sánchez (Mesía).

Tanto Roberto Rey como Susana López Abella destacaron o labor realizado polo persoal do CIM de Ordes e animaron a todas as persoas asistentes ao acto a coñecer a nova aplicación. Ambos reafirmaron o compromiso das institucións que encabezan na loita contra a violencia de xénero e no esforzo e a suma de medios para axudar ás víctimas desta problemática social.

Procurar a igualdade de oportunidade en toda a comarca, de xeito que as persoas poidan acceder a recursos similares nas mesmas condicións, ademais de implantar unha nova cultura organizativa operativa e dinámica na xestión sustentada nos novos sistemas de comunicación tecnolóxica, son algúns dos principios máis notables deste proxecto.

A nova App permite o acceso non presencial aos distintos departamentos do CIM “algo que en ocasións no é tan doado debido ás limitacións económicas, do transporte público dentro da comarca ou á dispersión poboacional no ámbito rural”, explicou Nazaret González. Un contacto que é posible facer tanto de xeito individual ou en grupo, “e que facilita poder facelo de maneira continua se así o require a situación a tratar”. O que está comprobado e que deste xeito “vese reducido o impacto negativo que supón o inicio dalgún proceso por violencia de xénero, así como a facilidade para o intercambio de documentación e datos ”, asegura González.

Múltiples ventaxas
Entre as ventaxas que supón para a Administración están a redución do número de persoas que teñen que ser atendidas nas mesmas instalacións, a facilidade na transmisión de información renovada e actualizada, o contacto e intercambio de información simultáneo entre os distintos profesionais que atenden a un mesmo caso, ou mesmamente acadar un maior grao de conciliación entre os horarios de atención cos das usuarias.

Para poder descargarse a aplicación Conecta CIM serán necesarias as claves específicas de acceso que se facilitarán presencialmente nas oficinas situadas na rúa Xoxardo (Ordes). Como medida de protección para as usuarias pódese ocultar no propio dispositivo, indistintamente de que sexa android ou smartphone.

A ubicación das instalacións, consultar novas de utilidade, concertar consultas, chats que permiten a comunicación instantánea entre usuarias e profesionais, notificacións e intercambio de documentación ou accesos directos ao 112 con posicionamentos directos GPS son algunhas das posibilidades desta nova App.