Domingo 18 de Novembro de 2018

O alcalde de Cambre e o presidente da Deputación acordan mellorar a seguridade viaria coa colocación de varios pasos elevados


Na reunión acordaron mellorar a seguridade viaria coa colocación de varios pasos elevados, na parroquia do Temple, A Barcala e Cambre, e ademais, colocarase un semáforo no paso peonil da estrada DP-1706 (Cambre- Temple) á altura da urbanización da Barcala

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, reuniuse esta mesma mañá co máximo responsable da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para planificar varios temas que afectan ao municipio cambrés.

Na reunión acordaron mellorar a seguridade viaria coa instalación de varios pasos elevados, na parroquia do Temple, A Barcala e Cambre, e ademais, colocarase un semáforo no paso peonil da estrada DP-1706 (Cambre- Temple) á altura da urbanización da Barcala.

Por outra banda, o presidente provincial amosou o seu interese de colaborar coa organización da I Feira Científica Internacional que terá lugar en Cambre no mes de setembro, a Cambre Sciencie, e que reunirá a centos de alumnos de toda Europa.

Nesta mesma liña de colaboración, García Patiño, presentoulle distintas actuacións como o acondicionamento do acceso á urbanización A Barcala, a reordenación urbana de varias rúas do Temple e Cambre, e a mellora da seguridade do parque infantil norte da Barcala.

Segundo o alcalde de Cambre, a reunión foi moi positiva xa que o presidente provincial atendeu a todas as demandas e comprometeuse a estudar as diferentes actuacións presentadas. “Agradezo a Valentín e a institución que dirixe o compromiso co Concello de Cambre e estou seguro de que as nosas demandas serán atendidas como sempre”, apuntou.