Luns 18 de Xuño de 2018

A fundación FAEPAC asesorará ao Concello de San Sadurniño en materia de aforro enerxético


A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará ao concello de San Sadurniño en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado na sede da institución provincial entre Valentín González e Secundino García. O acordo establece que o persoal técnico da fundación realizará unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do Concello, co obxectivo de deseñar un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables. Unha das primeiras actuacións da FAEPAC trala sinatura do convenio será a charla informativa que se desenvolverá na tarde do 22 de marzo na Casa da Xuventude sobre os novos criterios de acceso ao Bono Social Eléctrico.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de San Sadurniño en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao Concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Ademais, no marco do convenio, a FAEPAC encargarase da formación do persoal municipal en cuestións relacionadas, como por exemplo a redución de emisións e a mellora da calidade ambiental do territorio. O acordo estará en vigor durante todo este 2018, cun custe para as arcas municipais de 3.304,80 €. Secundino García sinalou a este respecto que se trata “dun investimento que se recuperará a través do máis que seguro aforro que obteremos en gasto enerxético”. O rexedor apunta que o convenio “permitiranos controlar mellor a facturación das subministradoras e outros aspectos, como posibles cambios nos contratos que racionalicen este tipo de gasto, un dos máis importantes que debe asumir calquera administración local”. García cualifica o asesoramento da FAEPAC como “de grande axuda”, debido a que “os municipios pequenos non temos persoal suficiente para dedicalo exclusivamente a estas tarefas, que requiren estar moi ao tanto dos cambios tarifarios e dos conceptos que veñen reflectidos nas facturas”.

Charla sobre os cambios no Bono Social Eléctrico
O traballo da FAEPAC non só abrangue o asesoramento a concellos, senón tamén a particulares e empresas da provincia. Neste sentido, o Concello organiza unha charla aberta a todo o público onde se explicarán os cambios que se produciron na concesión do Bono Social Eléctrico e como debe solicitarse. A sesión terá lugar o próximo 22 de marzo ás 18.00h. na Casa da Xuventude.

A raíz dos cambios que se produciron nos últimos anos nas tarifas e na facturación da electricidade, o goberno creou no seu momento o Bono Social, polo cal os fogares con máis limitacións poderían acceder a unha tarifa estable e máis barata. A esta tarifa podían acollerse familias con ingresos reducidos, familias numerosas ou pensionistas. Porén, a última reforma sobre os criterios de concesión do Bono Social obriga a que as persoas que poidan ser beneficiarias teñan que volvelo solicitar. Polo tanto, os bonos sociais concedidos ata o momento caducarán en abril e será necesario pedilos de novo.

A FAEPAC ofrécese a asesorar directamente a aquelas persoas que teñan dúbidas ao respecto. Para iso, o propio día 22 de marzo, a partir das 17.00h., dous técnicos da fundación estarán na Casa da Xuventude resolvendo as preguntas que existan sobre o Bono Social Eléctrico. Para facilitar este traballo, as persoas que queiran facer unha consulta deberán traer a documentación relacionada co asunto (facturas eléctricas, solicitudes de bono social, reclamacións, etc…).