Luns 10 de Decembro de 2018

A Xunta destina preto de 400.000 euros á rehabilitación enerxética de doce Vivendas de Promoción Pública en Cerdido


As obras consistirán no illamento térmico exterior dos edificios para mellorar a súa eficiencia térmica e incrementar, deste xeito, o rendemento do consumo enerxético
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as doce vivendas de promoción pública nas que está previsto investir preto de 400.000 euros en traballos de mellora mellora da eficiencia enerxética.

Seis das vivendas sobre as que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda vai actuar están emprazadas en Vila da Igrexa, por un importe de preto de 147.000. A presidenta desta comunidade de veciños acompañou a Rodeiro durante a visita e coñeceu de primeira man as explicacións que ofreceron tanto as redactoras dos proxectos como a xefa da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Susana Vázquez. Na visita tamén participou o alcalde, Benigno Galego e outros membros da corporación. A outra actuación, licitada por 248.000 euros, beneficiará aos veciños de seis vivendas nas Felgosas, tamén no municipio de Cerdido.

Estas actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. O prazo de execución das obras será de catro meses dende o inicio das mesmas. As empresas interesadas están aínda en prazo presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 de marzo.

As obras consistirán no illamento térmico de ambos os edificios polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas vivendas. Para iso empregarase o sistema SATE, que permite realizar o illamento dun edificio pola parte exterior do mesmo, eliminando pontes térmicas, mellorando o illamento térmico e a impermeabilidade da edificación sen reducir o espazo interior das vivendas nin modificar o aspecto exterior do inmoble.

A Xunta de Galicia ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades da provincia, como Santiago de Compostela ou Melide, e no resto de Galicia, como en Pontevedra, Vigo ou Becerreá. Ovidio Rodeiro sinalou que “estas actuacións teñen unha importante repercusión positiva na mellora da calidade de vida dos veciños e no aforro enerxético”. Enmárcanse na aposta que desde a Xunta se está a facer pola rehabilitación de vivendas.