Mércores 17 de Outubro de 2018

Moeche inicia a reparación da estrada entre Labacengos e Loira


O Concello de Moeche comezou esta mesma semana os traballos de aglomerado de algo máis dun quilómetro da pista que comunica o lugar de Loira co de Labacengos. O importe total das obras -adxudicadas a José No Mantiñán e Hijos- ascende a 51.814,95€, que se financiarán nunha parte con cargo a unha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a reparación de pistas e camiños de titulariedade municipal correspondente á anualidade de 2017. Os labores iniciáronse coa limpeza do firme e das cunetas e, tan pronto como asente o tempo, botarase unha nova capa de rodadura máis resistente, pero tamén máis segura.

O eixo viario é un dos máis transitados de Moeche, xa que conecta a CP-4902 á altura da igrexa de Labacengos coa estrada de Ortigueira no Leboreiro. A pista completa -principal comunicación coa AC-862 desde Santa Cruz e Labacengos- son arredor de 1.750 metros, aínda que o tramo máis danado é o que vai desde a igrexa até o lugar de Loira. Ese é, precisamente, o que se empezou a amañar estes días, cunha distancia total de 1.020 m. onde xa se observan as cunetas rasadas.

A obra consistirá, a grandes trazos, en limpar as beiras e maila vía para deixar ao descuberto toda a plataforma do antigo firme, que servirá de base para a nova pista. Logo taparanse os buratos existentes con grava e asfalto e, como último paso, aplicarase unha capa de aglomerado.

Mesmo está previsto no proxecto que se eliminen as diferenzas de altura existentes nunha parte da estrada, producidas seguramente por un progresivo afundimento do terreo que deixou dous escalóns na calzada, un de entrada e outro de saída, cuns 80 metros de separación. Nese punto, situado nas proximidades da ponte do rego da Pereira, engadirase unha capa compactada a maiores que asegure un nivel uniforme en todo o percorrido.

O proxecto estipula, ademais, que o ancho da estrada quede en 5 metros, aínda que nas proximidades do cruzamento coa CP-4902 ese ancho aumentarase aos 7 metros para mellorar a visibilidade e facilitar as manobras de saída e de incorporación á estrada provincial.

As obras adxudicáronselle á empresa José No Mantiñán e Hijos S.A. no mes de decembro, quen presentou unha oferta económica de algo máis de 51.800 euros, ive incluído. O Concello deberá asumir o custe do imposto do valor engadido -8.992,68€-, mentres que os 42.254,82 euros serán sufragados con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018, nutrido con fondos europeos administrados pola AGADER.

Segundo a alcaldesa, Beatriz Bascoy, trátase dun desembolso “asumible e necesario” xa que, tal e como asegurou, “a pista requiría unha actuación urxente por causa do seu mal estado”. A rexedora explica que se optou polo aglomerado como “unha solución a longo prazo que evitará ter que andar remendando cada pouco tempo” e que, ademais, “é máis segura para a elevada circulación desta pista”. Bascoy engade, no entanto, que aglomerar “segue sendo máis caro que un rebacheo ou un reasfaltado” e que por esta razón “non hai posibilidades económicas suficientes para botar este tipo de firme en todas as pistas que quixéramos, por iso temos que ir pouco a pouco e priorizando aquelas que soportan máis tráfico e que presentan peores condicións, como é este caso”.

Xunto con estas obras xa en marcha, o Concello tamén prevé contratar en breve outros dous paquetes de reparación de pistas que se financiarán cunha parte do superávit municipal xerado no exercicio 2016. O primeiro está cuantificado en algo máis de 42.000 euros e suporá a restauración do camiño de Vilariño e a da igrexa, en Abade, e outras tres en Labacengos: a de Vilapedre, o camiño de Loira á Veiga e o camiño da estación a Cerdido. O segundo grande proxecto, cifrado en 35.724 euros, reparará as pistas da Rega e dos Loureiros, en San Xurxo, así como o camiño de Seoane Vello e a pista do Vilar, en San Xoán, que suman preto de 7.000 m² de firme. Cómpre lembrar tamén que para o período 2018-2019 Moeche percibirá outros 43.000 euros do Plan de Mellora de Camiños da AGADER para os que xa están elaborados os correspondentes proxectos de obra.