Luns 10 de Decembro de 2018

Miguel Santalices encabezará mañá a presentación de ‘Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia’


 

O Parlamento de Galicia escolle o municipio natal da enfermeira responsable da erradicación da praga da varíola a comezos do século XIX para dar a coñecer esta obra escrita polo xornalista e investigador Antonio López. Terá lugar mañá ás 12 horas na Casa da Cultura

Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, presidirá mañá en Ordes a presentación do libro ‘Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia’. O acto, organizado pola Cámara galega, terá lugar na Casa da Cultura a partir da 12 horas e a el asistirán un amplo número de autoridades e representantes de distintos sectores.

Entre outros estarán Diego Calvo, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Pedro Francisco Rojo, director do Gabinete de Presidencia do Parlamento de Galicia; Andrés Paz- Ares Rodríguez, director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade; José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia; Jorge Atán Castro, subdelegado do Goberno na Coruña; e María del Carmen García Rivas, secretaria autonómica do sindicato de enfermería SATSE. Tamén acudirán unha ampla representación da corporación local ordense, alcaldes e concelleiros dos municipios da comarca, así como integrantes de diversas asociacións e colectivos do lugar.

A presentación estará encabezada polo presidente da Cámara, que estará acompañado por Antonio López Mariño, xornalista e autor do libro; Pilar Farjas Abadía, presidenta da Asociación Isabel Zendal, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade e José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes.
Estudo histórico

‘Isabel Zendal Gómez nos arquivos de Galicia’ é un amplo estudo histórico no que se contextualizan os documentos empregados na investigación que axudou a coñecer a importancia de Isabel Zendal na historia da humanidade. Nel recóllense datos e aspectos fundamentais para o coñecemento da vida e do labor da primeira enfermeira da historia en misión internacional segundo a Organización Mundial da Saúde. Zendal está considerada responsable directa na erradicación da praga da varíola ao longo de todo o mundo nada máis comezar o século XIX, debido á súa participación na chamada expedición Balmis.

Céntrase en 34 documentos e actas históricas atopadas tras un arduo traballo nos arquivos municipais e provinciais da Coruña, así como no arquivo diocesano de Santiago de Compostela. Dos dous primeiros extraéronse datos dos nenos expósitos que serviron como portadores da vacina e outros relacionados coas funcións de Isabel Zendal como reitora da casa de expósitos da Coruña e como enfermeira na ruta marítima que levou a vacina contra a varíola polo novo mundo, salvándolles a vida a unha cantidade incalculable de persoas.

Por outra banda, grazas aos documentos localizados en Compostela puidéronse esclarecer aspectos relacionados coa súa familia a través de actas bautismais, de defunción etc. Neste sentido foron de grande axuda os datos descifrados dos libros parroquiais de Santa Mariña de Parada (Ordes), lugar de nacemento de Isabel Zendal.

‘Isabel Zendal nos arquivos de Galicia’ estará dispoñible en versión PDF para todas as persoas na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es) a partir do vindeiro venres, 9 de marzo. Os idiomas nos que se publicará serán galego, castelán e inglés, aínda que tamén se imprimirá en papel unha tirada en lingua galega.